- Tematica
O Concello de Ames, a través dos departamentos de Bibliotecas, Normalización Lingüística e Turismo, está desenvolvendo unha programación específica para conmemorar o mes de Rosalía, que se celebra cada ano o 23 de febreiro. Fernando Yáñez realizou unha intervención artística nas rúas de Ames pintando catro elementos de mobiliario público coa silueta de Rosalía e tamén cuns versos da autora. Ademais, o luns 24, ás 19.00 horas, celebrarase unha gala poético-musical na Casa da Cultura de Bertamiráns, na que participará o alumnado dos centros de ensino de infantil, primaria e secundaria. Pódese consultar a programación completa premendo nesta ligazón.
O Concello de Ames súmase un ano máis á conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis destacadas de Galicia e que, ademais, foi veciña da aldea da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, durante unha parte da súa infancia. A programación deste ano, como vén sendo habitual, busca a participación da veciñanza e oferta unha ampla variedade de actividades para todas as idades, primordialmente para a poboación máis nova. Así pois, a programación deste ano pretende estimular o uso do galego entre a mocidade amesá, coa posta en valor da nosa lingua e coa achega de referentes en múltiples eidos sociais.
A principal novidade desta edición é a intervención artística nas rúas de Ames que realizou o artista Fernando Yáñez, coñecido por ilustrar os murais solidarios da fundación Art for Dent. Deste volta, o artista realizou unha intervención artística urbana ao aire libre, na que empregou como soporte as caixas de semáforos dalgunhas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro. O principal obxectivo desta iniciativa é xerar impacto, proximidade e visibilidade entre toda a veciñanza e as persoas que se acheguen ou pasen polo concello de Ames.
Esta actuación artística complementa a composición realizada en outubro de 2024 nun edificio situado na avenida da Maía, en Bertamiráns. Neste mural Fernando Yáñez representou a Rosalía de Castro vestida coa camiseta da asociación Art for Dent, peza de roupa que simboliza e visibiliza a enfermidade rara de Dent. Esta doenza afecta a unhas 250 persoas en todo o mundo, entre as que se atopan membros das familias de Galicia e Asturias que fundaron esta asociación.
Gala homenaxe a Rosalía de Castro
Outra das principais actividades que se celebra todos os anos para enxalzar a figura de Rosalía de Castro é a gala homenaxe na que participa o alumnado dos centros educativos de infantil, primaria e secundaria de Ames. Trátase do acto central da programación rosaliana, organizado polo Concello de Ames para conmemorar o aniversario da escritora que se celebra o 23 de febreiro, para revitalizar o seu pensamento e obra e para por en valor o seu vínculo co concello. Este evento non podería ser posible sen a colaboración dos equipos de dinamización e normalización lingüística e sen a participación do alumnado de Ames. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
O evento, conducido pola comunicadora e actriz Cristina Collazo, estará cheo de música e poesía. Ao longo da gala Cristina Collazo interpretará cinco sketchs sobre Rosalía. Na gala tamén participará a asociación de Bugallido e o alumnado dos centros de ensino de infantil, primaria e secundaria, os CEIP de Barouta, Agro do Muíño e A Maía, a EEI do Milladoiro e os IES do Milladoiro de Bertamiráns.
Por último, intervirán persoas destacadas como o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o artista Fernando Yáñez; Raquel Arias e Carlota Mera, de Tecidos Tolemia; o actor Xabier Estévez; o alcalde de Ames, Blas García; e a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto. A gala pecharase cun concerto de Uxía Senlle e Santi Cribeiro.
Rutas teatralizadas pola Costa do Mar de Ovellas
Esta edición volverá a desenvolverse, tras a súa boa acollida o ano pasado, a andaina teatralizada pola Costa do Mar de Ovellas, baseada no poema de Rosalía A probiña, que está xorda. Realizaranse un total de catro rutas, que contarán coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e da regueifeira Lupe Blanco. Haberá tres funcións específicas para os institutos de Ames e realizarase unha para o público xeral. Os participantes farán un percorrido de dificultade media duns 5 quilómetros cun 10% de pendente.
A ruta destinada ao público xeral desenvolverase o domingo 9 de marzo e contará con servizo de traslado en autobús para as persoas asistentes, con saída desde O Milladoiro ás 10.00 horas e desde Bertamiráns ás 10.15 horas. Ademais de poder gozar da ruta, que comeza en Augapesada e finaliza en Trasmonte, haberá ao final unha pequena festa con música e degustación de petiscos. A inscrición para participar estará aberta do 24 de febreiro ata o 6 de marzo e pode realizarse enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. As rutas programadas para os alumnos dos institutos de Ames desenvolveranse o martes 18 de febreiro e martes 11 de marzo para o IES do Milladoiro e o luns 17 de marzo para o IES de Bertamiráns.
Actividades realizadas
Desde o pasado 14 de febreiro xa se celebraron varias actividades da programación como “Rosalía cantareira”, de Jara Ortiz, un concerto didáctico a través do que se lles achegou ás crianzas a parte máis musical da poeta. Alén do anterior, o pasado venres 21 de febreiro, as crianzas dos comedores escolares municipais da EEI do Milladoiro e dos CEIP de Ventín, Barouta, Agro do Muíño e A Maía volveron a degustar un ano máis o caldo de gloria. Esta comida aparece no poema rosaliano “Miña casiña, meu lar”, en Follas Novas, no que unha muller pobre conta como consegue, fronte ás adversidades que a rodea, facer un caldo de gloria.
Tamén se desenvolveron os obradoiros “Crea e debuxa”, dirixidos a crianzas a partir de 3º de primaria e impartidos o venres 21 no Milladoiro e o sábado 22 en Bertamiráns. Nesta actividade, a rapazada puido amosar o seu lado máis creativo mentres que coñece diferentes obras da ilustre escritora. Por último, este sábado 22 de febreiro volveuse a realizar a actividade habitual dentro da programación, “Viaxando con Rosalía”. Unha excursión literaria á Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón, con paradas en Ortoño e Bastavales. Esta saída achega as persoas asistentes á vida da escritora, sobre todo á súa especial relación co concello de Ames. A viaxe está guiada pola especialista rosaliana María López Sández.