Pestanas principais

Música e poesía tinguiron de sentimento o acto de homenaxe a Rosalía de Castro en Bertamiráns

Venres, 24 de febreiro de 2017

[24-02-2017] A voz de Najla Shami recibiu ás preto de 200 persoas que acudiron á velada coa que o Concello de Ames quixo honrar a figura de Rosalía de Castro no 180 aniversario do seu nacemento. Un acto literario-musical que encheu o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns de poesía e música, de lembranzas que as follas da obra de Rosalía seguen a manter novas. Versos extraídos dos poemarios da escritora cobraron vida a través das imaxes e voces de rapaces e rapazas dos centros escolares amesáns, nun acto ao que acudiron varios concelleiros/as tanto do grupo de goberno coma dos grupos políticos da oposición, e que estivo conducido pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López.

A presenza de Rosalía de Castro inundou o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A celebración do aniversario do seu nacemento comezou coa música e voz de Najla Shami, vocalista e compositora nada en Santiago de Compostela, filla de dúas culturas: palestina e galega. O seu primeiro traballo en solitario publicouse no 2013, o disco-libro Na lingua que eu falo (Editorial Galaxia), unha elegante e fonda ollada sobre os poemas da poetisa galega Rosalía de Castro.

Baixo a atenta mirada da escritora, coa imaxe que gobernaba o escenario, foi a quenda da concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, que resaltou a importancia da figura da autora galega ata o punto de que o aeroporto da capital de Galicia vai a levar o nome de Rosalía de Castro e unha compañía aérea de Noruega tamén vén de poñerlle o nome da escritora galega a un dos seus avións. “Isto sucede porque Rosalía é unha escritora universal, unha muller que impulsou e reivindicou o galego como a lingua de todos e todas”, apuntou a concelleira.

Isabel Vaquero, continuou dicindo “lonxe da imaxe de chorona que aínda fica na mente de moita xente, Rosalía foi unha persoa rabuda que defendeu a xente máis humilde e necesitada. Estamos falando dunha persoa comprometida, culta, feminista e por encima de todo defensora do seu pobo. En definitiva, Rosalía é a autora máis representativa da lingua e cultura galega”.

Lectura de poemas e rap na honra de Rosalía
Trala intervención da concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, proxectouse un vídeo creado polo alumnado e profesorado da EEI do Milladoiro titulado Unha ducia de palabras para Rosalía e 9 alumnos/as do CEIP Agro do Muíño leron os poemas rosalianos: Un repoludo gaiteiro; Pasa río, pasa río; Formoso campo de Cornes; Amores cativos; e Quíxente tanto meniña.

De seguido, deuse paso a un vídeo elaborado no CEIP da Maía e a actuación de dous rapaces do IES do Milladoiro, Eric Fungueiriño e Noe Cutrín, que fixeron unha versión rapeada do poema rosaliano A xustiza pola man. Despois, tres alumnas do obradoiro de lingua e cultura galega, Alba Vinke, Ruth Orozco e Mertxe Álvarez, leron poemas de Rosalía nas súas linguas natais (holandés, español caraqueño e éuscaro) e 9 alumnos de segundo de bacharelato do IES do Milladoiro fixeron unha dramatización do poema Castellanos de Castilla.

Por último, dous alumnos/as do IES de Bertamiráns e integrantes da Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro tamén leron poemas rosalianos. O acto pechouse coa proxección dun vídeo do CEIP de Barouta e cunha nova aparición no escenario da artista Najla Shami, quen volveu emocionar a todos os presentes coa súa voz e sentimento na lembranza a Rosalía.