- Tematica
O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames ten todo listo para II Festa do Apego do Concello de Ames. Por mor das previsións de chuvia para mañá sábado, trasládase toda a programación para diferentes espazos da Casa da Cultura de Bertamiráns e, comezará como estaba previsto, ás once da mañá. Xestionáronse 870 inscricións, 650 con praza reservada e 220 en lista de agarda, o que demostra o interese e a necesidade das familias amesás en participar en actividades e promovan e favorezan a transmisión da lingua ás crianzas.
O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza a II Festa do Apego de Ames, que se celebrará este sábado, 19 de xuño, na Casa da Cultura de Bertamiráns debido as previsións de chuvia. Haberá música, teatro, contos, baile, obradoiros, xogos e outros moitos recursos para pasar unha xornada de lecer divertida e produtiva. As librarías do concello sumáronse á festa e colaboran con mostras e descontos en materiais infantís en galego. Neste enlace podedes ver toda a programación da festa. Podes consultar o cartaz da II Festa do Apego de Ames.
Reorganización de grupos e actividades
Debido ao traslado á Casa da Cultura e para cumprir coas normas de seguridade foi preciso reorganizar algúns grupos e mesmo duplicar algunhas actividades. É o caso da función de teatro Estrazalonia e do Concerto de Uxía Lambona, que ofrecerán dous pases para que poidan asistir todas as persoas con praza reservada. Lamentablemente, no caso de Armadanzas e Canta Música, por razóns organizativas e de espazo, non é posible duplicar e isto implicará que algunhas familias con reserva para o xardín do Pazo non poidan asistir a estas funcións no auditorio da Casa da Cultura. Todas as persoas inscritas recibirán ao longo do día de hoxe un correo electrónico indicándolles os cambios.
A festa comezará ás 11.00 horas co espectáculo Derriba da lúa, de Vero Rilo e Sonsoles Penadique. Nel combínase narración oral con música para arrolar, cantar, xogar dende os primeiros meses. Esta actividade está dirixida a familias con crianzas de 0 a 3 anos.
Ás 12.00 horas chegan As Armadanzas para un público familiar. Montse Rivera e Mercedes Prieto, ambas as dúas integrantes do grupo Pesdelán, traerán baile, música, animación e contos para mover o corpo e a imaxinación sen saír do asento.
A mañá continúa con contos para as crianzas a partir de 3 anos da man de Vero Rilo, que ás 13.00 horas ofrecerá Outra vez!, unha escolma de contos de aquí e de alá para contar sen parar na festa, na casa ou no parque e que a propia contadora denomina como unha selección de pequenas alegrías.
Pablo Díaz e Olga Kirk abren a sesión da tarde ás 17.00 horas co seu espectáculo Canta música, un obradoiro concerto dirixido a un público familiar que mestura música tradicional coas cancións máis modernas dos discos de Pablo Díaz.
Ás 18.00 e as 19.00 estará o Baúl da tía Tola coa función teatral Estrazalonia, dirixida a crianzas de 1 a 6 anos, e que pretende estimular os sentidos a través das emocións, das sensacións, da sorpresa e da ilusión.
A II Festa do Apego rematará con dous pases da actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona, o primeiro ás 20.00 h e o segundo ás 21.00 h. Esta banda reinterpretará clásicos populares galegos cun toque particular, desde A Carolina “rapeada” ata O Jato “rockeiro”, ademais de temas propios con diferentes estilos.
Actividades permanentes sen necesidade de inscrición previa
Ao longo de todo o día haberá tres actividades que estarán de xeito permanente, en horario de 11.00 a 20.00 horas, na Casa da Cultura e para as que non se precisa inscrición:
Espazo do Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que pon a dispor das familias.
Espazo de Recursos, no que haberá unha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza en galego (contos, música, xogos…) e no que se ofrecerá asesoramento ás familias interesadas.
Espazo de Xogos, que pon a disposición das persoas asistentes xogos de mesa en galego para todas as idades deseñados e creados por Brazolinda.
Colaboración das librarías con descontos e mostras de recursos
As librarías Lenda e Máinomen, en Bertamiráns, e O Tinteiro e Nenos Nais, no Milladoiro, sumáronse á festa e van colaborar cos obxectivos que promove. Así, durante toda a semana do 14 ao 19 de xuño estanlle dando especial relevancia nos seus escaparates aos recursos infantís en lingua galega e o propio sábado 19 ofrecerán un desconto do 10% en todos estes materiais.
Programa Apego
Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, e que contribúe á socialización en galego das crianzas con actividades en recursos. O programa ofrece información, recursos (virtuais e físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Os destinatarios son familias empadroadas en Ames que agarden un bebé ou teñan crianzas de 0 a 6 anos e para sumarse ao programa teñen que poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística Municipal, ben cubrindo a lapela SÚMATE da páxina web www.apego.gal ou enviado un correo a normalizacion@concellodeames.gal