Pestanas principais

Nadia Iglesias foi elixida como a mellor deportista de Ames de 2016 a través dunha enquisa na que votaron máis de 8.000 persoas

Xoves, 09 de febreiro de 2017

[09-02-2017] Este venres, 10 de febreiro, o Concello de Ames celebra na Casa da Cultura do Milladoiro a súa décimo primeira edición da Gala do Deporte onde se premiará aos mellores deportistas e clubs amesáns de 2016. Haberá actuacións en directo, demostracións dos clubs e das escolas deportivas. Unha das premiadas será a patinadora Nadia Iglesias, subcampioa de Europa, campioa nacional, galega e provincial xuvenil en 2016. Este premio foi outorgado despois de recibir o 50% dos votos nunha enquisa que se realizou na web municipal. Este ano a Gala do Deporte estará apadriñada polo xogador do Obradoiro CAB, Alberto Corbacho.

Non podes medir o teu éxito se nunca fallaches, con esta frase da ex-tenista alemá, Steffi Graf, como lema, o Concello de Ames organiza a décimo primeira edición da Gala do deporte que este ano se celebra este venres, 10 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Este evento estará apadriñado polo xogador do Obradoiro CAB, Alberto Corbacho. Inicialmente David Palmas, xogador do Santiago Futsal, ía ser o padriño desta gala, pero debido á recente operación á que foi sometido pola lesión de xeonllo que tivo, non puido desenvolver este cometido. Debido a iso optouse por Alberto Corbacho, un dos mellores xogadores da ACB.

A Gala do Deporte estará presentada polos xornalistas Terio Carrera e Diego Viaño, que irán dando paso aos premios que recibirán os mellores deportistas masculinos e femininos do ano 2016, así como ás promesas do deporte amesán. Asemade, entregaranse outros premios como os de mellor club e mellor xogador/a dun equipo de Ames. Tamén se entregará o premio colabor@mes á entidade amesá GST Telecomunicacións, que participa e colabora nos eventos deportivos do ano, e o recoñecemento especial que será para José Ramón Mato Lago, presidente do Club de piragüismo do Ribeiras do Tambre, que durante os últimos 25 anos conseguiu numerosos éxitos.

Por primeira vez a XI Gala do Deporte do Concello de Ames dispón dunha nova categoría na que a veciñanza puido votar para elixir ao mellor deportista do 2016, entre catro candidatos propostos polos éxitos que conseguiron ao longo do pasado ano. Así, o premio especial do público elixiuse entre o xogador de squash Borja Golán pola vitoria no campionato Europeo; Moncho Mirás pola vitoria do campionato de España de peso galo; Nadia Iglesias polo subcampionato Europeo de patinaxe, así como a vitoria do campionato de España, Galego e provincial xuvenil; e Fernando Seoane, como mediocentro indiscutible do Lugo en Segunda división.

Premio especial do público
Unha vez pechada a votación que se puido facer a través dunha enquisa publicada na web municipal, a gañadora de dito galardón foi a patinadora Nadia Iglesias, subcampioa de Europa, que recibiu un total de 4.011 votos (50% dos votos emitidos). En segunda posición quedou o boxeador Moncho Miras, campión de España de peso galo, con 2.442 votos (30%); terceiro foi o campión de squash europeo, Borja Golán con 1.492 votos (18%) e a cuarta posición foi para o futbolista Fernando Seoane con 125 votos (2%). Cómpre destacar a gran participación da veciñanza amesá nesta enquisa xa que se emitiron un total de 8.070 votos.

Ao igual que na edición pasada, os/as premiados/as non se coñecerán ata o mesmo día do evento dando así maior emoción e suspense ao evento. Ademais, durante a Gala haberá diversas actuacións en directo, demostracións dos rapaces e rapazas que participan en varias modalidades das escolas deportivas e proxectaranse vídeos sobre os deportistas amesáns. Tamén haberá unha exhibición de breakdance, e por segundo ano consecutivo, unha exhibición dos clubs deportivos e un número especial.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou os éxitos conseguidos polos deportistas amesáns ao longo de 2016 no que acadaron: o campionato de Europa de squash, subcampionato de Europa de patinaxe xuvenil, campionato de España de boxeo de peso galo, campionato de España de patinaxe, campionato de España de squash absoluto, campionato de España de paddle Surf, medalla de prata no campionato de Europa absoluto de golf por equipos, medalla de ouro no campionato de España de billar, medalla de ouro no campionato de España de natación, campionato de piragüismo infantil e numerosos campionatos galegos de bádminton, squash, atletismo, xadrez e patinaxe.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "La Gala del Deporte de Ames premia hoy a sus deportistas"
La Voz de Galicia: "Corbacho apadrinará la Gala do Deporte de Ames"