Pestanas principais

Nas comisións informativas previas ao pleno ordinario de xullo abordouse a aprobación do proxecto de mellora do camiño da Condomiña á depuradora

Luns, 27 de xullo de 2020

Este venres, 24 de xullo, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario de xullo, que se desenvolverá o vindeiro xoves 30 de xullo. Deste xeito, desenvolvéronse as comisións informativa de Administración Xeral e Atención Veciñal, e de Desenvolvemento Urbano, nas que se abordaron a aprobación do proxecto de mellora do camiño da Condomiña á depuradora e outro; a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames; e unha proposta de Ciudadanos en relación co establecemento de medidas de garantía para a seguridade e a convivencia cidadá fronte a ocupación ilegal de vivendas.

O vindeiro xoves, 30 de xullo, desenvolverase o pleno ordinario do mes de xullo. Dita sesión plenaria farase de xeito presencial no salón de plenos da Casa do Concello gardando as medidas de hixiene e seguridade. Deste xeito, parte dos concelleiros/as da Corporación municipal sentaranse na zona do público, co obxectivo de gardar a distancia de seguridade entre concelleiros/as.

Previamente a dito pleno, este venres desenvolvéronse as comisións informativas nas que se abordou a aprobación do proxecto de mellora do camiño da Condomiña á depuradora e outro. Dito proxecto será sufragado a través  do Plan AGADER 2020-2021 da Xunta de Galicia. O proxecto ten un orzamento de 40.976,65 euros, do cal o importe da axuda ascende a 33.865 euros. A achega da Xunta divídese en dúas anualidades (o 50% que son 16.932,50 euros percíbese en 2020 e o 50% restante en 2021). O Concello de Ames pon o importe restante; 7.111,65 euros.

Outro dos temas abordados foi a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames. O pasado 17 de xuño de 2020 o Concello de Ames recibiu unha comunicación da Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde se lle comunica que está próximo a vencer o período de 4 anos polo que se nomeou xuíz de paz titular do Concello de Ames. Polo tanto, é preciso iniciar un novo expediente para a elección de novo/a xuíz/a de paz titular no prazo de 3 meses e que de non facelo se nomeará directamente polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Deste xeito, o Pleno deberá aprobar as bases para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames. Aprobadas as bases, procederase á súa exposición pública para a presentación de solicitudes por prazo de 15 días hábiles Examinadas as solicitudes presentadas procederase, por maioría absoluta, á elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames, propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
    
Por último, tratouse unha proposta de Ciudadanos en relación co establecemento de medidas de garantía para a seguridade e a convivencia cidadá fronte a ocupación ilegal de vivendas. En dita proposta solicitase, entre outras cuestións, elaborar un Plan municipal contra a ocupación ilegal de vivendas; potenciar a coordinación e a cooperación institucional para reforzar a eficacia na loita contra a ocupación ilegal de inmobles; e instar ao Goberno de España e ás Corte Xerais a promover todas as reformas legais que sexan necesarias para defender a propiedade privada.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El pleno de Ames estudiará el proyecto del camino a la depuradoraboqueixón"

Concello de Ames