Pestanas principais

As nenas e nenos de Ames converten o municipio nunha vila poética atravesada por camiños de versos

Mércores, 22 de maio de 2019

O alumnado de todos os centros de ensino públicos de educación infantil e primaria de Ames, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística municipal, están a traballar ao longo do mes de maio para converter Ames nunha vila poética. Para iso, os nenos e nenas colocaron arredor de duascentas laxas ilustradas con versos en lingua galega en diferentes espazos concorridos do concello. Estes versos foron escolmados e ilustrados polo alumnado amesá e algúns deles mesmo creados pola rapazada.

A raíz da celebración das Letras Galegas 2019, os equipos de normalización dos centros educativos de infantil e primaria de Ames e o Servizo de Normalización Lingüística municipal cooperaron para por en marcha a iniciativa “Ames, vila poética. Camiños de versos”. A actividade consiste nunha exposición pública permanente de 200 lousas, cada unha delas con poemas ou versos de escitores ou escritoras en linga galega escolmados e ilustrados polos nenos e as nenas de Ames. Camiños de versos busca achegar, socializar e compartir o traballo que se fai nos centros de ensino coa veciñanza.

O colexio de Agro do Muíño, o da Maía, a Escola Unitaria de Ortoño e a Escola Unitaria de Covas colocaron as súas laxas ao longo do paseo fluvial de Bertamiráns. A praia de Tapia acolle as obras do CEIP de Barouta. Por último, a  EEI do Milladoiro e o CEP de Ventín colocaron as súas obras na zona axardinada da Travesía do Porto e no Parque dos Piñeiros situado detrás da pincina municipal do Milladoiro.

Os alumnado amesá realizou o traballo de escolmar e ilustrar entre o 2 e o 16 de maio e esta semana rematarase a colocación da exposición das laxas nos diferentes espazos públicos. Mediante esta iniciativa búscase dinamizar e estimular o uso do galego entre as crianzas e a veciñanza, así como fomentar a creatividade en lingua galega e contribuír ao achegamento, á posta en valor, á difusión e a visibilización da poesía galega entre a comunidade amesá.

Ademais, entre os obxectivos deste proxecto tamén se atopa o de sensibilizar á veciñanza amesá e aos visitantes sobre a necesidade de respectar e coidar o patrimonio cultural e natural de todas e todos. Neste senso, os rapaces e rapazas solicitan a colaboración de todos os veciños e veciñas para protexer esta obra colectiva que pretende converter Ames nunha vila poética, e evitar así que desaparezan ou se estraguen as laxas, como xa pasou nalgunha ocasión.

Ligazóns

As nenas e nenos de Ames converten o municipio nunha vila poética atravesada por camiños de versos

Multimedia

  • As nenas e nenos de Ames converten o municipio nunha vila poética atravesada por camiños de versos