Pestanas principais

No Concello de Ames impartiranse tres cursos preparatorios para as probas de obtención dos Celga

Mércores, 13 de marzo de 2013

[13-03-2013] O Concello de Ames abre un segundo prazo de inscrición para as persoas interesadas en asistir a algún dos cursos de galego, Celgas, que se impartan este ano no Concello. Nesta ocasión teremos cursos preparatorios para os niveis 1, 2 e 3. Os cursos dos niveis 2 e 3 foron concedidos pola Xunta de Galicia, mentres que o curso do nivel 1 será impartido por persoal do Concello de Ames. Para poder solicitar estes cursos abriuse un período de preinscrición durante o mes de xaneiro no que se detectou unha ampla demanda de formación en lingua galega por parte da veciñanza amesá. Todas as persoas preinscritas nese período teñen a súa praza reservada, aínda así, quedan prazas libres nestes tres niveis que se outorgarán por orde de inscrición. As persoas interesadas en asistir a algún destes cursos que non realizasen a preinscrición poderán anotarse chamando por teléfono ao número 981 884 991 ou pasando polo Servizo de Normalización Lingüística de Ames, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Teñen de prazo para anotarse ata a data de comezo de cada un dos cursos.

Durante os meses de marzo, abril e maio impartiranse en Ames tres cursos de galego preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celgas, nos niveis 1, 2, e 3. Esta ampla oferta formativa responde a alta demanda de formación en lingua galega por parte da veciñanza amesá, dado que no período de preinscrición para estes cursos, anotáronse mais de 100 persoas. Aínda así, quedan algunhas prazas libres nestes tres niveis que se outorgarán por orde de inscrición. As persoas interesadas en asistir a algún destes cursos que non realizasen a preinscrición poderán inscribirse chamando por teléfono ao número 981 884 991 ou pasando polo Servizo de Normalización Lingüística de Ames, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Se houbese máis demanda que parazas existentes, elaborarase unha lista de agarda para cubrir posibles baixas.

O curso do nivel 1 será impartido por persoal propio do Concello de Ames e comezará o próximo 20 de marzo no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Este curso desenvolverase os luns, martes, mércores e xoves, en horario de 9:15 a 11:15 horas, ata o 28 de maio. Por outra banda, os cursos impartidos pola Xunta de Galicia comezarán o 2 de abril. Neste caso impartirase o Celga 2 no CEIP de Ventín (no Milladoiro) e o Celga 3 no IES de Ames (en Bertamiráns) os luns, martes, mércores e xoves, en horario de 19:30 a 22:00 horas, ata o 27 de maio. Estas accións formativas dependen da Secretaría Xeral de Política Lingüística e organízanse en colaboración co Concello de Ames a través do Servizo de Normalización.

Probas dos Celgas
Estes cursos de galego son gratuítos e a carga lectiva é de 70 horas. As probas para obter os certificados correspondentes son independentes da formación e realizaranse durante as dúas primeiras fins de semana do mes de xuño. A localidade máis próxima para realizar eses exames será Santiago de Compostela. As datas destas probas son as seguintes: para os que opten ao nivel 4 do Celga o 1 de xuño; para o nivel 2, o 2 de xuño; para o nivel 3, o 8 de xuño, e para o nivel 1 do Celga, a proba será o 9 de xuño.

O prazo para a inscrición nas probas rematará o día 3 de abril de 2013, e as persoas interesadas deberán presentar a solicitude, aboar as taxas e presentar a documentación na Xunta de Galicia conforme sinala a correspondente convocatoria das probas Celga.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "No Concello de Ames impartiranse tres cursos preparatorios para as probas de obtención dos Celga"