Pestanas principais

No día internacional do Medio Ambiente o Concello felicita aos veciños e veciñas que xa inclúen na súa vida cotiá hábitos que posibilitan un desenvolvemento sostible

Mércores, 05 de xuño de 2019

A sensibilización ante os problemas globais que está a causar o modelo de desenvolvemento económico actual provoca a que moitos veciños e veciñas modificasen os seus hábitos e condutas, colaborando así no desenvolvemento sostible. Son moitos os veciños e veciñas de Ames, de todas as idades e lugares, que fan a separación do lixo nos seus fogares, que empregan o transporte público, reciclan ou elixen produtos locais nas súas compras. A todos eles o Concello de Ames dálles os parabéns, e para os que aínda non se sumaron a estas prácticas, faise unha invitación para que o fagan canto antes.

As consecuencias do patrón de desenvolvemento que levamos na sociedade actual é xa evidente no aire, na auga e na terra. Contaminación, incendios, perda de biodiversidade, pragas e acumulación de lixo, son algunhas das probas que temos cada día ante nós que nos indican que é necesario cambiar a tendencia de destrución do medio para beneficio duns poucos.

Cumprir o obxectivo global do Acordo de París é posible, pero non pasar o límite 1,5ºC de aumento da temperatura global dependerá das accións que leven a cabo todos os actores implicados: gobernos, sector privado e a sociedade en xeral.

Neste senso, o Concello de Ames promove políticas e accións acorde cos 17 obxectivos fixados pola ONU para acadar o desenvolvemento sostible pleno. Estes obxectivos presentan a singularidade de instar a todos os países, xa sexan ricos, pobres ou de ingresos medianos, a adoptar medidas para promover a prosperidade, á vez que protexen o planeta. Recoñecen que as iniciativas para acabar coa pobreza deben ir da man de estratexias que favorezan o crecemento económico e aborden unha serie de necesidades sociais, entre as que cómpre destacar a educación, a saúde, a protección social e as oportunidades de emprego, á vez que loitan contra o cambio climático e facilitan a protección do medio ambiente.

A adhesión ao Pacto de Alcaldes; a incorporación de accións desenvolvidas dentro do proxecto Ames 2020, para xerar un desenvolvemento urbano sostible e integrado mediante un proceso de participación cidadá; a aposta polo xeración de compost, a partir dos restos orgánicos; a incorporación de vehículos menos contaminantes na flota municipal; as subvencións para repoboacións de fincas con especies autóctonas; e un programa anual de educación ambiental; son algunhas das medidas xa postas en marcha, ás que seguiran sumándose outras no futuro inmediato.

Poñer fin a pobreza, a fame, garantir a vida sa, a dispoñibilidade de auga, lograr a igualdade dos xéneros, fomentar a participación e a innovación, combater o cambio climático, conservar a diversidade de especies e hábitats, loitar contra a desertización e conta os incendios son obxectivos de todos/as. Acadar as metas propostas repercutirá de xeito positivo en todos/as os/as que estamos e tamén nos que virán detrás.

Dende o Concello de Ames preténdese que este día de conmemoración serva para aumentar a conciencia e xuntar esforzos de cara a unha vida máis xusta e sostible para todos e todas.

Andaina polo rego da Andoriña

Multimedia

  • Andaina pola ruta de Riamonte
  • Monte do concello de Ames
  • Andaina polo monte de Ames