Pestanas principais

No Día Mundial de loita contra a SIDA, o Concello lembra á veciñanza a importancia de non esquecer a presenza desta doenza na nosa sociedade

Martes, 01 de decembro de 2020

Cada 1 de decembro, o mundo conmemora o Día Mundial de loita contra a SIDA coa intención de apoiar a todas as persoas que viven no mundo co VHI, lembrar aos falecidos por doenzas asociadas a esta enfermidade e poñer en valor a importancia de seguir investigando na mellora dos tratamentos e na cura. O Concello de Ames, a través da concellaría de Sanidade, lembra á veciñanza a importancia do coñecemento das circunstancias asociadas á doenza e a prevención á hora de controlar a enfermidade.

Moitas persoas lucirán no día de hoxe un lazo vermello. É o símbolo universal que amosa o apoio e a solidariedade coas persoas que viven co VHI.  Este ano o lema elixido para a conmemoración do día é “Solidariedade Mundial, responsabilidade compartida”. En todo o mundo desenvólvense actividades de concienciación encamiñadas a que as persoas entendamos que a loita contra esta doenza é unha cuestión que implica á responsabilidade individual.  

A pesares de que a cifra de mortos e contaxiados reduciuse a máis da metade desde o ano 2004 -2.400.00 persoas morreron naquel ano, fronte ao preto de 900.00 que se estima morreron o ano 2019- o VHI segue a estar presente na nosa sociedade. “Semella pola menor importancia informativa que se lle dá na actualidade, que a SIDA é unha enfermidade superada. Porén, todos os anos contáxianse e morren milleiros de persoas. Por iso é importante non baixar a garda, coñecer a enfermidade e os modos de previla”, declara a concelleira de Sanidade Luísa Feijoó, quen quere suliñar tamén o importante das administracións locais na difusión do día: “É fundamental tamén que desde as administracións que estamos máis próximas á cidadanía, lembremos e suliñemos a importancia da data”.

Establecido no ano 1988, o Día Mundial da loita contra a SIDA foi o primeiro día dedicado á saúde en todo o mundo. Desde entón, as axencias das Nacións Unidas, os Gobernos e a sociedade civil alzan a voz para loitar en determinadas áreas relacionadas con el VIH.

A día de hoxe, os expertos sinalan que é fundamental aumentar o financiamento para dar resposta á enfermidade e mellorar a calidade de vida das persoas que a padecen. Tamén é esencial que a sociedade no seu conxunto tome conciencia de como el VIH afecta a vida das persoas, para que dese xeito se poida poñer fin ao estigma  e a discriminación que aínda abeira a esta doenza.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo: "Ames conmemora o Día Mundial de loita contra o SIDA"

Día Mundial da Sida