Pestanas principais

As noites de estrelas chegan esta semana a Milladoiro e Bertamiráns

Martes, 13 de agosto de 2024

Dentro da programación estival municipal, a Aula da Natureza organiza Noite de Estrelas, unha xornada para gozar da astronomía que a semana pasada tivo lugar no alto de san Marcos. Desta volta, esta xornada chega aos principais núcleos urbanos do concello: o venres 16 de agosto desenvolverase no Milladoiro, e o sábado 17 en Bertamiráns. En ambas localidades terá lugar entre as 21:30 horas e as 00:00. As prazas son limitadas, polo que para participar é necesario inscrición previa. Podedes anotarvos mandando un correo a auladanatureza@concellodeames.gal.

Dar un paseo polos camiños do ceo e aprender a recoñecer o que vemos, ese é o obxectivo da Noite de estrelas, unha actividade que agora chega aos principais núcleos urbanos do concello. O venres 16 de agosto será no Milladoiro, no anfiteatro fronte a igrexa, o sábado 17 no paseo fluvial de Bertamiráns. En ambas localizacións desenvolverase entre as 21:30 e as 00:00 horas.

En ambas xornadas os asistentes, guiados polo experto astrónomo Antón Bouzas, achegaranse á lúa, ás galaxias, ás constelacións e poderán descubrir planetas como Venus, Saturno ou Xupiter. Así mesmo, coñecerán as diferentes disciplinas da astronomía, como a observación práctica, cultos e mitos, calendarios, representación simbólica de eventos, etc; é dicir, achegaranse ao coñecemento das percepcións humanas do ceo e a relación con diferentes aspectos da vida social. A actividade está dirixida a todos os públicos.

Recoméndase levar roupa cómoda, unha manta ou esterilla, e unha lanterna. Ademais, desde a organización poñerán a disposición dos asistentes varios telescopios.

Para inscribirse tan so hai que mandar nome completo, teléfono de contacto e lugar onde se collerá o bus ao correo auladanatureza@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Bertamiráns e Milladoiro serán tamén puntos de observación do programa Noite de Estrelas"

As noites de estrelas chegan esta semana a Milladoiro e Bertamiráns