Pestanas principais

Nos meses de setembro e outubro a Policía Local de Ames imputou un total de trece delitos contra a seguridade viaria e por outras infraccións

Venres, 14 de outubro de 2016

[14-10-2016] A seguridade viaria segue a ser unha prioridade para o Concello de Ames. Deste xeito, o corpo de seguridade amesá durante o mes de setembro e a primeira quincena de outubro imputou nove delitos contra a seguridade viaria por dar positivo nos controis de alcol, negarse a someterse á proba de control de alcol e conducir trala perda total de puntos asignados. Tamén interviron noutros casos relativos á detención dunha persoa por abuso de menores, nun presunto delito de furto e na detección dun home que quebrantou a orde xudicial que lle impedía conducir.

Dentro do traballo de vixilancia e control que realizan os axentes da Policía Local de Ames, durante o mes de setembro instruíronse as correspondentes dilixencias por seis presunto delitos contra a seguridade viaria. O primeiro caso detectouse o 3 de setembro na avenida da Maía, en Bertamiráns, cando un condutor circulaba a unha velocidade anormalmente reducida. Os axentes déronlle o alto a dito vehículo e tras realizarlle a proba de detección alcohólica ao condutor, deu un resultado positivo. Outro dos casos nos que unha persoa deu positivo na proba de detección de alcol produciuse o pasado 19 de setembro na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro.

O pasado 30 de setembro a Policía Local recibiu varias chamadas de varios condutores que alertaban de que unha persoa conducía o seu vehículo dun lado ao outro da estrada. Unha vez os axentes localizan dito vehículo, déronlle o alto e comprobaron que o mencionado condutor presentaban síntomas evidentes de atoparse baixos os efectos do alcol, polo que se lle realizou a proba de detección alcohólica mostrando un resultado positivo, feito polo que se lle imputou un delito contra a seguridade viaria.

Por outra banda, imputáronselle outros tres delitos contra a seguridade viaria a tres condutores que circulaban trala perda total dos puntos do seu permiso de conducir. Ditas persoas circulaban cos seus respectivos vehículos en diferentes días do mes de setembro polos lugares de Pousada e Castiñeiro do Lobo, pertencentes á parroquia de Ames, así como pola rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns. Por último, o pasado 17 de setembro, os axentes do corpo de seguridade amesán recibiron unha chamada alertando de que un individuo, que viaxaba no autobús que fai o traxecto entre Santiago de Compostela e Brión, estaba realizándolle tocamentos e actos obscenos a unha rapaza menor de idade. Localizado o autobús e ao presunto autor dos feitos, os axentes detiveron a esa persoa.

Feitos acontecidos no mes de outubro
No mes de outubro imputáronse outros tres delitos contra a seguridade viaria. O primeiro produciuse o 1 e outubro á media noite, na rúa Figueiras do Milladoiro. Os axentes danlle o alto a un vehículo e comproban que o conduto carecía de permiso de condución pola perda da vixencia do mesmo por resolución xudicial. O segundo caso detectouse o 8 de outubro cando unha patrulla da Policía local se atopaba realizando servizos de vixilancia e control polo polígono do Milladoiro. Ante a presencia policial o condutor dun vehículo fuxiu. Finalmente a patrulla conseguiu darlle o alto e identificar ao condutor que desprendía un forte olor a alcol. Debido a iso realizóuselle unha primeira proba co etilómetro de muestreo dando un resultado de 0,53 mg/l. Posteriormente, nas dependencias policiais, negouse a someterse a unha nova proba no etilómetro de precisión, polo que se lle imputou un delito contra a seguridade viaria.

O terceiro caso detectado produciuse o pasado día 11 de outubro, cando os axentes da Policía Local foron alertados por un veciño do Milladoiro, da presenza dun vehículo circulando a gran velocidade pola zona do polígono de Novo Milladoiro e dun lado a outro da estrada. Dito vehículo foi localizado circulando pola rúa Oliveiras, dirección cara a rúa das Hedras, invadindo por momentos parte do carril contrario, polo que se procedeu a darlle o alto. Finalmente, someteuse ás probas de alcoholemia legalmente establecidas, dando un resultado positivo.

Asemade, o pasado 1 de outubro detívose a unha persoa na rúa Anxeriz do Milladoiro por un presunto delito de furto. Este persoa supostamente rouboulle a carteira a un dos taxistas do Milladoiro e despois, segundo indicaron varios veciños desta localidade, ía pola rúa repartindo billetes entre os viandantes. Hai que destacar a detención doutra persoa por quebrantamento da orde xudicial que lle impedía conducir ao ser interceptado circulando co seu vehículo baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Esta operación realizouse en colaboración coa Garda Civil do Milladoiro.

Outras actuacións
Por outra banda, o día 12 de outubro, os axentes recibiron alerta dunha veciña de Bertamiráns por unha presunta ameza da súa exparella. As patrullas da Policía Local desprázanse ao lugar dos feitos e detiveron á persoa que supostamente realizou dita ameaza. De seguido foi trasladado ao cuartel da Garda Civil do Milladoiro para a posterior posta a disposición xudicial. Ademais, compre sinalar que a Policía Local está levando a cano unha investigación debido á realización de dous butróns nunha nave do polígono NovoMilladoiro. Os axentes trasladáronse ao lugar dos feitos escasos minutos despois da recepción da chamada de alerta, pero non puideron localizar aos autores dos feitos.

Os axentes amesáns, en colaboración co departamento municipal de Servizos Sociais, realizaron outra actuación co obxectivo de localizar e trasladar a un indixente, que causou varias alertas veciñais nas últimas semanas na localidade do Milladoiro. Finalmente, o departamento de Servizos Sociais conseguiu que esta persoa puidese pernoctar durante varios días nun albergue da zona.

Por último, dende o Concello púxose en marcha un dispositivo especial de inicio do novo curso escolar, incrementando a presenza policial nas entradas e saídas dos colexios, así como realizando un maior control do correcto uso dos cintos de seguridade e dos sistemas de retención infantil, tan imprescindible na seguridade de pequenos e maiores. Tamén leváronse a cabo controis específicos e puntuais sobre a presenza de drogas no organismo dos condutores, cun resultado de dous test de drogas positivos.