Pestanas principais

A nova Aula da Natureza abre as súas portas á veciñanza

Luns, 21 de marzo de 2011

[21-03-2011] "Concibida como un proxecto de carácter sustentable e medioambiental no seu conxunto, o importante non é só que sexa estéticamente adecuada, senón que a utilicemos con múltiples actividades". Con estas palabras se refería o alcalde de Ames, Carlos Fernández, á nova Aula da Natureza. O lugar de Quintáns, pertencente á parroquia de Ameixenda, acolleu o domingo, ás 12:00 horas, a inauguración da sede da Aula. O rexedor local e a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, foron os encargados de abrir á natureza este novo espazo, logo da reconstrución levada a cabo na antiga Escola Unitaria da Ameixenda. Un centenar de veciños e veciñas coñeceron de primeira man o edificio e o seu entorno, totalmente integrados no medio. A nova Aula da Natureza convértense así nunha ferramenta didáctica para poñer en práctica as cuestións que alí se ensinan, sempre mantendo a coherencia e plasmando o esforzo que o Concello ven facendo nos últimos anos en materia medio ambiental.

A concelleira de Medio Ambiente foi a encargada de abrir a quenda de intervencións. Úrsula Seijas destacou que "desde o ano 2004 estamos a facer un enorme esforzo por acceder a unha valorización do noso patrimonio natural, facendo partícipes a veciños e veciñas. Estou orgullosa, non só como concelleira, senón como veciña, de que o noso concello sexa un dos poucos que conta cunha Brigada de Garda Ambiental, cun proxecto como o do Monte Escolar, e que aposte por abordar temas ambientais dun xeito positivo, participativo e de acción a través dunha ferramenta creada para tal fin como é a educación ambiental". O alcalde de Ames, Carlos Fernández, quixo facer fincapé no feito de que "cando vía a antiga escola unitaria abandonada, case sen uso, doíame a alma. Pensaba que cando tivesemos a mínima oportunidade era unha edificación que tiñamos que restaurar e poñer en marcha. Afortunadamente ese momento chegou cunha inversión do chamado Plan E, da administración do Estado". O proxecto de remodelación da antiga escola unitaria de Ameixenda como sede da Aula da Natureza recolle todas as consideracións da Carta Galega de Calidade dos Centros de Educación Ambiental, tanto no deseño das instalacións como no coidado do contorno.

O edificio está dotado dun espazo de recepción e exposición ao público, sala de usos múltiples, un pequeno almacén e un taller que da ao exterior. A inclusión dunha cociña, e aseos con duchas, posibilitará o seu uso para estadías curtas, o que permitirá ampliar a oferta de actividades de educación ambiental. O edificio e o contorno, totalmente aberto para a súa integración na paisaxe, serán unha ferramenta didáctica onde poder apreciar cuestións básicas sobre enerxías renovables, adecuación á paisaxe e reutilización de augas grises. Os moitos veciños e veciñas que se achegaron este domingo á Aula da Natureza xa puideron ver unha exposición temporal sobre os ecosistemas fluviais.

Instalacións

A reconstrución da antiga Escola Unitaria da Ameixenda fíxose intentando conservar todo o aproveitable, como a fachada, a estrutura e a cuberta. Ademais, ampliouse cun módulo que permite contar con máis espazo. Os materiais utilizados na obra foron todos naturais, como a madeira e o cinc, produtos aptos en bioconstrución. En canto á elección do sistema de enerxía, optouse por unha combinación de varias fontes, adecuada ao espazo e uso das instalacións. Dous paneis fotovoltaicos solares alimentan algunhas liñas de iluminación tanto interior como exterior. En canto ao sistema de calefacción, optouse por unha estufa de pellets, procedente do aproveitamento da biomasa forestal. A estas enerxías hai que engadir o feito de que o edificio en si mesmo contribúa a unha maior eficiencia enerxética, grazas ao asollamento e dimensións do aleiro do edificio, que protexe as estancias da incidencia solar directa no verán, pero permite que o sol quente durante o inverno. Na ventilación empréganse as técnicas de ventilación cruzada e ventilación permanente; as aperturas nas ventás dispóñense de xeito intercalado para favorecer a renovación do aire interior, provocando o fluxo natural calor-frío. A zona dos aseos e o taller están ventiladas permanentemente, de xeito que se evitan posibles condensacións e humidades dentro do edificio.

Exterior

O exterior da nova Aula da Natureza está totalmente integrado no entorno. Conta cunha plantación de toxos, codesos e xestas, que representan o monte galego e o seu uso tradicional. Tamén teñen cabida os acivros e loureiros, representativos do bosque atlántico, ademais de diferentes árbores de froitas de semente autóctona de Galicia. Atopámonos tamén cunha zona moi húmida, onde se realizou unha plantación de xuncos e outra de herbas aromáticas. O exterior da instalación contempla tamén un pequeno peche tradicional de vimbios e unha lagoa de depuración de auga, con plantas macrófitas en suspensión. Con ela preténdese amosar un sistema de tratamento de depuración de augas urbanas de pequenas e medianas poboacións, con importantes vantaxes respecto a outros sistemas. A esta lagoa chega un dos canos do edificio. A auga circula dúas veces a través dunha pequena bomba alimentada por un panel solar e as raíces absorben as sustancias nocivas. Ademais dun consumo enerxético nulo, esta tecnoloxía de depuración non produce lodos orgánicos, polo que tampouco xera residuos. A nova Aula da Natureza tamén conta cunha pequena horta, que permitirá facer prácticas de agricultura sustentable onde amosar os cultivos propios de Galicia, a estacionalidade dos mesmos ou o control biolóxico de pragas.

Cometidos da Aula da Natureza

As actividades da Aula da Natureza están estruturadas en catro grandes bloques: programas dirixidos ao público en xeral; programas propostos aos centros educativos do concello; posta en valor, protección e divulgación de espazos de interese natural do concello e campañas de sensibilización.

Con respecto as actividades dirixidas ao público xeral, ademais de actividades xa coñecidas como as xornadas de cogomelos, obradoiros de Entroido ou saídas do proxecto ríos, iniciáronse novos programas como Galicia Natural, onde se busca achegar ás persoas dun xeito lúdico ao coñecemento dos espazos naturais significantes de Galicia. O parque natural das Fragas do Eume ou de Corrubedo e o Xardín Botánico de Lourizán son algúns deste espazos xa visitados. Outras actuacións levadas a cabo pola Aula da Natureza son as xornadas de achegamento á problemática dos varamentos de cetáceos e tartarugas nas costas galegas, as charlas para o recoñecemento de árbores autóctonas ou as saídas ao campo e itinerarios ambientais.

Os centros educativos do concello participan cada vez máis activamente en programas conxuntos coa Aula da Natureza. A relación é moi fluída de xeito que a realización de actividades tanto parte da Aula cara aos centros, como poden ser os propios centros os que solicitan á Aula da Natureza a realización de accións concretas. Na actualidade hai dúas parcelas cedidas ao Concello, na aldea de Carballo, que serven como "Monte Escolar". Neste lugar máis de 2.000 nenos e rapaces escolarizados no noso concello están aprendendo o xeito de acadar montes sustentables.

A protección, conservación e divulgación de espazos naturais é unha tarefa prioritaria para a Aula da Natureza. Nestes traballos os resultados non son tan inmediatos, pero o labor é constante e vese xa reflectido na sinalización e documentación do itinerario ambiental "As beiras do Río Sar".

Os traballos de identificación da fauna e flora da Ruta de Riamontes están xa rematados. A guía de Flora e Fauna desta mesma ruta e os novos paneis temáticos "As aves", "Os vertebrados", "Os insectos", "A fauna do rego", "A flora" e "Os cogomelos", así como os traballos de identificación de riscos e ameazas neste espazo e o deseño de accións de protección redundarán no beneficio dun contorno natural moi importante para o concello.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames estrena el Aula da Natureza como apuesta ambiental"
La Voz de Galicia: "Ames estrena el Aula da Natureza como apuesta ambiental"
La Voz de Galicia: "Ames estrena el Aula da Natureza como apuesta ambiental"
La Voz de Galicia: "Ames estrena el Aula da Natureza como apuesta ambiental"
La Voz de Galicia: "Ames estrena el Aula da Natureza como apuesta ambiental"
El Correo Gallego: "El Concello de Ames inaugura su Aula da Natureza"
El Correo Gallego: "El Concello de Ames inaugura su Aula da Natureza"
El Correo Gallego: "El Concello de Ames inaugura su Aula da Natureza"
El Correo Gallego: "El Concello de Ames inaugura su Aula da Natureza"
El Correo Gallego: "El Concello de Ames inaugura su Aula da Natureza"