Pestanas principais

Nova sesión do programa Abril de Cine coa proxección do documental “Filmei paxaros voando”

Luns, 07 de abril de 2025

Esta semana continúa a quinta edición do ciclo Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames e que ten a finalidade de achegar o cinema galego actual á veciñanza amesá. A segunda cita das tres sesións programadas no Abril de Cine deste ano terá lugar este xoves 10 de abril, ás 20.00 horas, no auditorio do Milladoiro, coa proxección do documental “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeiriño González. Dito filme obtivo o premio de mellor documental nos Premios Mestre Mateo 2025 e unha mención especial no Festival L`Alternativa de Barcelona. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O ciclo Abril de Cine 2025 comezou o pasado xoves, 3 de abril, coa proxección do filme “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo. O obxectivo deste programa é  achegar o cinema galego actual á veciñanza amesá. As dúas primeiras sesións son longametraxes en formato documental, mentres que na última sesión poderanse ver catro curtametraxes que van dende a comedia filosófica á animación pasando de novo polo  formato documental.

Nas proxeccións destas curtas e longametraxes atopamos un nexo común, o fío vertebrador deste ciclo de cine de abril: o desarraigamento. Cada unha das personaxes, a súa maneira, vese afastada da realidade común, disociada das súas emocións, dubidosa sobre o seu futuro... mesmo a intelixencia artificial non sabe como acoutar este sentimento tan humano. É precisamente este sentir, vivido por todos nós de cando en vez, dun xeito complicado pero fermoso, o que permite achegarse ás diferentes problemáticas ás que se enfrontan os protagonistas das proxeccións.

Filmei paxaros voando
A segunda das sesións terá lugar o vindeiro xoves, 10 de abril, coa proxección do documental “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeiriño González. Despois de 20 anos vivindo en Barcelona, Zeltia volta a Galicia para filmar a memoria do seu admirado tío Antonio, un artesán téxtil que viviu intensamente na década dos 80.

Este retorno provoca o encontro coa súa nai Socorro, unha muller conservadora á que Zeltia nunca quixo parecerse. O repentino empeoramento na saúde de Socorro cambia a mirada de Zeltia, que descubrirá un camiño de volta a casa difícil, pero tamén cheo de amor e coidados. Entre rodaxes e coidados, nai e filla atopan un espazo para sandar vellas feridas e compartir momentos de complicidade e amor.

A sesión contará cunha presentación previa á proxección da película e, ao finalizar, haberá un coloquio coa directora do filme, Zeltia Outeiriño.

A directora: Zeltia Outeiriño González
Nada en Madrid en 1978, trasladouse de moi nova a Galicia, onde viviu ata os 23 anos. É licenciada en Publicidade pola Universidade de Vigo e en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona. Traballou no audiovisual e na produción en Cataluña. Actualmente é profesora de Imaxe e Son, realizadora de vídeo freelance, documentalista e facilitadora audiovisual en procesos de creación audiovisual colaborativa con grupos socialmente fráxiles desde o colectivo As Mirillas (Barcelona), do cal é fundadora.

Dirixiu películas documentais individuais e colectivos, seleccionados e premiados en diversos festivais, como “Vientos de Resistencia”, “Kaugsankamalla, muiurrisunchi (Mentres vivamos, dancemos)”, “El Futur és nostre” ou “Bazar Solidario”. A súa primeira longametraxe documental é “Filmei paxaros voando”, gañadora do premio a mellor documental nos premios Mestre Mateo 2025.

Noite de curtas
Na última das sesións, que se realizará o martes día 22 e abril, as protagonistas serán as curtametraxes. Por un lado, “Platónico, platónica”, de Xacío Baño, na que se fai unha reflexión e conexión profunda entre o amor e a intelixencia artificial.

Outra das curtas que se proxectará nesta sesión será “Noites de prata” de Soraya Antelo, un proxecto, finalista nos Premios Mestre Mateo deste pasado 2024, que narra a historia de como Lola, unha cantante de boleros, abandonou Galicia polas terras do Río da Prata.

A terceira das curtas será “Carracedo” de Manu Lucas Mariño, un documental que amosa a vida agochada tras o lutier contemporáneo membro do grupo galego De Ninghures.

A última das curtas que se proxectará nesta sesión será “Pechar caixas, abrir caixas” de Hugo Amoedo, un filme na que se narra a historia da volta a Galicia do escritor Xavier Queipo despois de máis de 30 anos en Bruxelas.

Nova sesión do programa Abril de Cine coa proxección do documental “Filmei paxaros voando”

Multimedia

  • Cartaz do documental “Filmei paxaros voando”