Pestanas principais

Nova sesión dos Encontros Literarios de Ames coa presentación de “El eco de tu voz”, de Juan Galán

Martes, 28 de marzo de 2023

As bibliotecas municipais de Ames pechan o mes de marzo cun novo encontro literario. Nesta ocasión presentarase o libro “El eco de tu voz”, de Juan Galán. Será no Pazo da Peregrina de Bertamiráns este xoves 30, ás 20:00 horas. Acompañará ao autor o historiador e profesor da USC Francisco Leira Castiñeira, nun acto que estará presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Este xoves, día 30, as bibliotecas municipais de Ames celebran unha nova edición dos encontros literarios do curso 2022-2023, unha das súas principais actividades de adultos. Nesta ocasión preséntase a obra “El eco de tu voz”, de Juan Galán, que está editada por Medulia. A entrada é libre ata completar aforo.

“El eco de tu voz” narra a vida de Adela, que conta a súa historia a través da súa propia voz, pero tamén da doutras mulleres que coñece. A obra é tamén a historia dun amor apaixonado entre Fabiana Ponte, a avoa anarquista da obra, e a escritora británica Virginia Woolf, unha trama que se desenvolve no ano 1916 na cidade da Coruña.

Segundo Juan Galán, o libro xira arredor da emancipación da muller e, especificamente, da independencia que a muller escritora debe ter para crear”. O autor asegura que “esta é unha obra froito da miña fantasía. Quere ser unha novela histórica na que se mesturan elementos históricos e inventados. As personaxes de Adela e Fabiana son ficticios, aínda que conteñen algúns rasgos autobiográficos, pero tamén aparecen feitos históricos acaecidos en diversas épocas e personaxes reais como Virginia Woolf, Emilia Pardo Bazán e Santiago Casares Quiroga e familia, sobre os que consultei diarios, memorias e abundante biografía".

O acto contará tamén coa presenza de Francisco Leira Castiñeira, historiador e profesor da USC. A encargada de presentalo será a concelleira de Cultura de Ames, Natividade González.

O autor
Galán (A Coruña, 1961) é licenciado en Filoloxía Inglesa pola USC. Viviu en diversos países e continentes, e traballou como profesor de inglés. Tras exercer a docencia durante máis de trinta anos, xubilouse recentemente. A súa carreira literaria iniciouse coa publicación de "Romanza de los naranjos en flor". Ademais, destaca como investigador da Memoria Histórica Democrática, e adícase a contar a historia dos presos republicanos que sufriron a represión franquista organizando rutas a pé por Galicia, as Rutas Republicanas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Juan Galán presenta este xoves o seu libro 'El eco de tu voz', no Pazo da Peregrina"

AMS GO!: "Juan Galán presenta 'El eco de tu voz' este xoves no encontro literario de Ames"

Cartaz do encontro literario deste xoves, 30 de marzo

Multimedia

  • Nova sesión dos Encontros Literarios de Ames coa presentación de “El eco de tu voz”, de Juan Galán