- Tematica
Os “Espazos para a reflexión” son unha iniciativa nos que colaboran o IES Milladoiro (rede de convivencia), a ANPA do instituto e mailo departamento de Educación Familiar de Benestar Social do Concello de Ames. Este luns, 6 de marzo, ás 19.00 horas, hai unha nova sesión deste programa que tratará sobre as necesidades educativas especiais. A xornada informativa será impartida por Inés María Quero Petit no IES Milladoiro. O obxectivo desta nova sesión é concienciar á familia, escola e comunidade educativa sobre a diversidade, a súa intervención e medidas de apoio necesarias para atender ás necesidades e características do alumnado.
O programa “Espazos para a reflexión” ten programada unha nova sesión para este luns, 6 de marzo, cunha xornada informativa sobre as necesidades educativas especiais. Nesta ocasión a sesión será impartida por Inés María Quero Petit. A sesión realizarase a partir das 19.00 horas no IES Milladoiro.
O obxectivo desta nova sesión é concienciar á familia, escola e comunidade educativa sobre a diversidade, a súa intervención e medidas de apoio necesarias para atender ás necesidades e características do alumnado. Nesta xornada informativa abordarase a conceptualización de necesidades educativas especiais, conceptualización de diversidade, atención a diversidade, funcións executivas, causas, dificultade de aprendizaxe, TDAH, TEA, etc.
A iniciativa “Espazos para a reflexión” conta co apoio da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames, do IES Milladoiro e da ANPA do instituto. Cada unha das charlas realizadas ao abeiro deste programa están dirixidas principalmente a nais e pais, avoas e avós ou persoas que queiran ter fillas e fillos.
En cursos pasados realizáronse varias sesións sobre múltiples temas como a diversidade enfocada no ámbito sexual, a educación en positivo, a autonomía dos pequenos e pequenas, a importancia de descodificar as necesidades dos/as adolescentes potenciando a súa autonomía, ou as altas capacidades.
A finalidade deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesións prácticas e amenas.