- Tematica
O Goberno de Ames lembra á cidadanía que o concello se atopa en nivel de restricións medio e as normas de cumprimento obrigatorio que hai que seguir mantendo para loitar contra a COVID-19. A normativa actual obriga a que os grupos sexan de ata 6 persoas en espazos pechados e ata 10 persoas ao aire libre. Os establecementos, tanto bares como restaurantes poderán prestar servizo co 50% da capacidade máxima permitida. As barras continúan pechadas, nas terrazas permítense grupos de 10 persoas e nos interiores dos locais de 6. Cómpre salientar que o uso da máscara segue a ser obrigatorio excepto en exteriores e sempre que se poida gardar a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros. Poden consultar aquí todas as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia que afectan ao Concello de Ames na actualidade.
As novas medidas decretadas pola Xunta de Galicia para o nivel medio en que se atopa o Concello de Ames entran en vigor ás 00:00 horas do 24 de xullo.
O número de casos activos por Covid-19 no Concello de Ames é de 119. Ante o aumento de casos dos últimos días o alcalde de Ames, Blas García, insiste en que “É moi importante extremar as precaucións porque só xuntos e con responsabilidade conseguiremos saír desta situación” e engadiu “Temos que pedirlle aos veciños e veciñas de Ames un último esforzo, sobre todo, a aquelas persoas que non están vacinadas para non dar un paso atrás na loita contra a COVID-19”.
Xuntanzas
Obrígase a que os grupos non superen as seis persoas, como máximo, en espazos pechados, e as dez persoas, como máximo, en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes.
Hostalería
Na hostalería permítese un aforo do 50% no interior dos establecementos e do 50% nas terrazas. No interior, os grupos non poderán superar as 6 persoas e no exterior non poderán xuntarse máis de 10 persoas. As barras seguen permanecendo pechadas. O horario do peche ao público será ás 23:00 horas, agás para aqueles establecementos que conteñan medidor CO2, que poderán prolongar o horario ata as 1:00 horas. Os establecementos que presten servizo de recollida no local ou entrega a domicilio poderán facelo ata as 1:00 horas.
Establecementos de lecer e de ocio
O acceso ao interior dos locais requirirá da presentación dun certificado de ter recibida a pauta completa de vacinación emitido polo SERGAS, dun test negativo emitido polo Servizo Galego de Saúde ou polos laboratorios que figuran na lista de test rápidos de antíxenos da COVID-19 do Consello de Europa ou de ter superado a COVID-19 nun período non superior aos 180 días.
Os establecementos de lecer nocturno deberán usar dispositivos medidores de CO2. Este tipo de establecementos poderá prestar servizos de terraza co 100% da capacidade máxima permitida. Para o servizo no interior, a ocupación máxima será do 50% da capacidade máxima permitida. Só se poderá utilizar a barra para solicitar e recoller consumicións por parte das persoas usuarias, pero non para realizar o consumo nela. O horario máximo de peche dos establecementos de lecer nocturno será ás 3.00 horas.
Instalacións deportivas
Nas instalacións e nos centros deportivos pechados poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata 6 persoas, sexan ou non conviventes, sen contar o monitor, coa utilización da máscara e sempre que non se supere o 50% da capacidade máxima permitida.
A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, coa utilización da máscara.
Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas, cunha ocupación máxima do 50 %.
Espectáculos musicais/artísticos ao aire libre
Só se permiten os espectáculos con público sentado. Este tipo de eventos non poden superar o 75% da capacidade permitida, cun límite máximo de 5.000 persoas.