- Tematica
O departamento de Bibliotecas amesán organiza o terceiro encontro literario do curso 2022-2023, no que o historiador e escritor ourensán Xosé Manoel Núñez Seixas presentará o seu último traballo, “Volver a Stalingrado”. Será este xoves 13 de outubro ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Acompañará ao autor Víctor Fernández Freixanes, escritor e presidente da Real Academia Galega, nun acto presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González. A entrada será libre ata completar aforo.
As bibliotecas de Ames van celebrar neste mes de outubro dous novos encontros literarios, comezando co ensaio “Volver a Stalingrado”, do historiador Xosé Manoel Núñez Seixas. Trátase da terceira presentación do curso 2022-2023, despois dos encontros con Eduardo Estévez e Diego Rojo e Krzysztof Powałka. A seguinte proposta neste eido de outubro será co autor Fernando Franjo, o xoves 20 de outubro.
“Volver a Stalingrado”, publicado pola editorial Galaxia Gutenberg, é un repaso á pegada que deixou en Europa a fronte oriental da Segunda Guerra Mundial, o escenario máis sanguento e devastador deste gran conflito bélico do século XX, no que se estima que morreron sobre 30 millóns de persoas nas batallas libradas entre a Alemaña nazi e a Unión Soviética. Referenciando á cidade que acolleu a batalla máis cruenta da guerra, o ensaio mostra o impacto cultural do conflito en Europa, a memoria colectiva da sociedade e a repercusión nas políticas dos diferentes países europeos.
Xosé Manoel Núñez Seixas (Ourense, 1966) é un historiador e escritor galego. É doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario de Florencia (Italia), ademais de catedrático neste eido na Universidade de Santiago de Compostela. O seu labor investigador, centrado na análise dos nacionalismos, a migración, a guerra ou as ditaduras, trasladouse a numerosas obras colectivas e ensaios, polos que recibiu galardóns como o Premio Nacional de Ensaio 2019, por “Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018”, ou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020, por “De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975)”.
No encontro literario, o autor estará acompañado do escritor e xornalista Víctor Fernández Freixanes, actual presidente da Real Academia Galega. Pola súa banda, o acto estará presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Alfredo Conde presenta libro en Santiago y Núñez Seixas, en Ames"
El Correo Gallego: "Núñez Seixas presentará a súa obra ‘Volver a Stalingrado’ sobre a guerra"
AMSGO!: "“Volver a Stalingrado”, do historiador Núñez Seixas, preséntase o xoves en Bertamiráns"