Pestanas principais

O 1 de abril abre o prazo de solicitude de praza nas escolas infantís municipais para o curso 2025-2026

Luns, 31 de marzo de 2025

Dende este martes, 1 de abril, estará aberto o prazo de solicitude de praza para o curso 2025-2026 nas escolas infantís de titularidade municipal (O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro). As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 15 de abril. Posteriormente, os/as admitidos/as deberán formalizar a matrícula entre o 1 e o 16 de xuño. A documentación que hai que presentar para solicitar praza pode descargarse preferentemente a través da páxina web conciliames.gal, ou ben recollerse nas dependencias das escolas.

Pódese solicitar praza nas escolas infantís municipais de Ames, a partir do día 1 de abril, para os nenos e nenas que teñan entre 3 meses e 3 anos. A documentación que hai que cubrir e presentar para tramitar esta solicitude poderá descargarse na páxina web conciliames.gal, ou ben recollerse nas propias dependencias das escolas, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Unha vez cuberta a documentación, esta poderá entregarse a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas escolas, tamén de 9:00 a 14:00 horas.

Ao rematar o prazo de solicitude de praza publicaranse tanto na web municipal como en conciliames.gal e nos taboleiros das escolas infantís as listaxes provisionais de admitidos/as. Haberá un prazo para presentar posibles reclamacións. Posteriormente, entre os días 1 e 16 de xuño abrirase o prazo de matrícula.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos propios centros: a EIM O Bosque, situada no número 28 da avenida da Peregrina; e a EIM A Madalena, localizada no número 16 da praza da Madalena, no Milladoiro.

Así mesmo, tamén se pode chamar aos números de teléfono 682 497 369 (EIM O Bosque) e 981 538 433 (EIM A Madalena), ou empregar os enderezos electrónicos eibertamirans@concellodeames.gal e eiamadalena@concellodeames.gal.

O 1 de abril abre o prazo de solicitude de praza nas escolas infantís municipais para o curso 2025-2026