Pestanas principais

O 15 de marzo abre o prazo de solicitude de axudas para a promoción de festas populares e actividades culturais

Xoves, 14 de marzo de 2024

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou o pasado 7 de marzo as convocatorias de subvencións para a promoción de festas populares e actividades levadas a cabo polas asociacións culturais no exercicio 2024. O prazo para solicitar estas axudas, que suman unhas contías de 30.000 euros para as actividades culturais e de 25.000 euros para as festas, estará aberto entre o 15 de marzo e mailo 15 de abril. Premendo nestas ligazóns pódese obter máis información sobre a convocatoria para as festas populares e para as actividades levadas a cabo por asociacións culturais.

Dende este venres, 15 de marzo, as asociacións culturais e veciñais e as comisións de festas de Ames poden solicitar axudas para a promoción de actividades e festas populares, cuxa contía suma neste 2024 uns 55.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes rematará o luns 15 de abril. Disporán de 30 días naturais a contar dende o día seguinte da publicación das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destaca que “estas liñas de axudas están dirixidas ao tecido asociativo do concello de Ames co obxectivo de promover unha vida cultural estable, a través das disintas asociacións existentes no noso termo municipal, e favorecer a existencia dunha programación festiva nas parroquias e núcleos urbanos de Ames”.

Actividades organizadas por asociacións culturais
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, destina á realización de actividades levadas a cabo por parte de asociacións culturais un total de 30.000 euros. Poden optar a estas subvencións as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames, que realicen actividades de índole cultural. Estas asociacións deben estar legalmente constituídas e deben figurar inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición debidamente actualizados.

Cumpridas estas condicións, poderán obter ata un máximo do 80% do orzamento total das actividades culturais desenvolvidas, así como da adquisición de material inventariable. O importe individual das achegas concedidas non poden superar os 7.500 euros. Os obxectivos desta liña de axudas son achegar a cultura ao maior número de persoas e promover unha vida cultural estable no concello de Ames, non só con actividades programadas pola propia administración, senón que tamén pola veciñanza e por entidades do ámbito privado.

Promoción de festas populares
Por outra parte, para a promoción de festas populares reservarase unha contía de 25.000 euros, á que poderán optar aquelas asociacións culturais ou veciñais amesás que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados. Tamén poden acceder ás axudas as comisións de festas.

Os obxectivos primordiais desta liña de axudas son favorecer a existencia dunha programación festiva estable dentro do ámbito territorial do Concello de Ames, na que a veciñanza participe de forma activa, preservar as tradicións existentes e difundir a imaxe de Ames a través da súa oferta festiva, de xeito que esta sirva de dinamización para as parroquias.

O importe individual das axudas dependerá dos habitantes censados en cada lugar ou parroquia en que se celebren os festexos, de acordo ao baremo que figura nas bases. Deste xeito, a achega máxima poderá ser de 1.000, 2.000 ou 6.500 euros, dependendo de se a parroquia ten menos de 500, entre 500 e 3.000, ou máis de 3.000 habitantes. As actividades poderán ser subvencionadas ata un máximo do 50% do orzamento total.

Presentación de solicitudes
As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentaranse na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben a través do Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC). Para máis información, pódese contactar co departamento de Cultura, chamando ao teléfono 662 377 444 ou escribindo ao enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal.

Imaxe de arquivo