Pestanas principais

O 58% da veciñanza cualifica negativamente o transporte público da Xunta no concello de Ames

Xoves, 01 de novembro de 2018

[01-11-2018] O Concello de Ames publica o resultado da enquisa feita, na web municipal, sobre a valoración xeral do transporte público no municipio. A raíz do proceso de renovación do transporte metropolitano que a Xunta está emprendendo, dende o goberno municipal quíxose coñecer, a partir de catro preguntas, o grado de satisfacción da veciñanza, co obxectivo de trasladar estes datos á propia Consellería de Infraestruturas. A enquisa estivo publicada case 5 meses dende o pasado mes de xuño no sitio web de Ames.


O goberno municipal xa mantivo diferentes xuntanzas cos responsables da Consellería para manifestar as necesidades evidentes que había no servizo e que coinciden coas demandas da veciñanza. Así, antes do verán o alcalde, Jose Miñones, e mailo concelleiro de Transporte, Blas García, reuníronse na Casa do Concello cos responsables da Consellería de Infraestruturas, que está a levar o Plan de transporte metropolitano. Nesta xuntanza o Concello trasladoulle o malestar do que se tiña coñecemento por parte da cidadanía e os numerosos escritos de queixa con respecto ao servizo prestado, e solicitaba do novo plan cunha serie de medidas imprescindibles. Tales demandas son unha maior frecuencia das liñas que unen Bertamiráns con Santiago, incremento das frecuencias en fin de semana e períodos nocturnos, así como a ampliación dos horarios dos primeiros e últimos autobuses que conecta a capital con Milladoiro e Bertamiráns.

O goberno municipal tamén resaltou en dita xuntanza, que o estado de mantemento das marquesiñas é moi deficiente, así como a necesidade de modernizar o sistema, a cal é unha demanda do propio goberno que se leva facendo desde o ano 2015. Tamén se tratou nesta xuntanza a solicitude doutras liñas e a ubicación de certas paradas, así como a posibilidade de facer frecuencias determinadas da liña de media mañá e media tarde que une Santiago e Bertamiráns con desvío por Augapesada e Pousada. Finalmente solicitouse a extensión da liña interior que vai por Bugallido e Ortoño, para chegar ata o propio núcleo urbano de Bertamiráns e a urbanización de Agro do Muíño.

Desde a Xunta de Galicia tomouse nota destas e outras demandas de cara á segunda fase que se está a elaborar para a licitación da concesión das novas liñas de transporte metropolitano e que debería estar en breve en marcha.

Resultados da enquisa
Na enquisa realizada, na primeira pregunta (como valora o servizo de transporte público que ten actualmente o Concello de Ames?) o 5% votou moi positivamente; o 29% positivamente; o 7% indiferentemente; o 58% negativamente e o 1% non sabe/non contesta.

Na segunda pregunta (como valora a concordancia entre a oferta actual e a demanda dos veciños do concello?) tan só o 21% o valorou como moi positivo ou positivo, fronte ao 67% que o valora negativamente. O 8% o considera indiferente e o 3% non sabe/non contesta.

Con respecto á terceira pregunta (como valora a implantación de servizos baixo demanda no territorio do concello?) o 13% dos foron para unha valoración moi positiva e ao 29% lle parece positiva esta nova implantación. Por outro lado, ao 26% dos votantes parécelles negativo facer un servizo baixo demanda, fronte ao 17% que o considera indiferente e ao 14% que non sabe/non contesta. Esta elevada porcentaxe amosa en parte o descoñecemento da proposta deste tipo de transporte que se pretende instaurar e que xa está a funcionar nalgunhas zonas.

Na cuarta e última pregunta (como valora a posibilidade de que no seu concello se implante un servizo de transporte integrado, no que os escolares se trasladen mediante reserva de praza gratuíta en liña que poderían ser usadas tamén pola cidadanía en xeral?) o 52% considérao positivo, fronte ao 29% que o valora negativamente. O 5% non sabe/non contesta e o 14% restante valórao de xeito indiferente.

En resumo a valoración do servizo prestado na actualidade, así como a oferta actual do mesmo, son dous aspectos nos que a veciñanza valora mais negativamente, sendo salientable o porcentaxe do 67% que valora negativamente a prestación actual. No caso do transporte baixo demanda e transporte con escolares, a maioría da veciñanza ve positivo este tipo de implantacións, destacando o grado de descoñecemento que existe sobre o transporte baixo a demanda, no que máis do 30% ou non sabe/non contesta ou parécelle indiferente o mesmo.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Valoración amesá negativa para o transporte público"
La Voz de Galicia: "Una encuesta sobre el transporte metropolitano en Ames contabiliza un 58 % de descontentos con el servicio"