Pestanas principais

O alcalde anuncia no pleno sobre o estado do Concello que está en fase de redacción o proxecto de humanización do Milladoiro

Venres, 08 de abril de 2022

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este xoves, 7 de abril, o quinto pleno de estado do Concello de Ames. Esta sesión plenaria serviu para facer balance sobre a xestión do goberno local durante o último ano. Os aspectos máis destacados foron que o Goberno municipal avanzou que o goberno do Estado está redactando o proxecto de humanización do Milladoiro e que se está traballando nun Plan de loita contra a fraude e nun inventario turístico, que recolla o patrimonio material e inmaterial do municipio. Dende a oposición reclamaron a baixada dos impostos e comezar de xeito en inmediato coa tramitación da modificación do PXOM. O pleno retransmitiuse por streaming a través da canle de Youtube do Concello de Ames. Durante o transcurso do pleno producíronse 79 conexións de distintos usuarios/as.

Abriu a sesión o alcalde de Ames, Blas García, que dixo que “o vindeiro sábado cúmprese un ano dende que cheguei á Alcaldía do Concello de Ames e por iso vou facer unha valoración sobre os primeiros nove meses do meu mandato”. O rexedor municipal agradeceu a implicación da Corporación municipal xa que “fomos un exemplo dentro da enmarañada situación política que se vivía no país e no Estado. Os distintos grupos políticos fomos capaces nos momentos importantes de deixar atrás as nosas diferencias e sacar adiante temas importantes para os nosos veciños e veciñas. Aprobamos por unanimidade o plan Ames Progresa, un dos maiores investimentos da historia deste Concello a través do cal mobilizamos máis de 6 millóns de euros en distintas actuacións destinadas a investimentos, axudas a autónomos, comerciantes, fomento do emprego, etc”.

Blas García tamén destacou que no último ano “aprobamos por unanimidade o inventario municipal que levaba sen modificarse dende 1996. Estívose 25 anos sen modificar o catálogo do patrimonio municipal. Tamén aprobamos diferentes regulamentos sectoriais de participación como o consello dos maiores, das nenas e nenos, e de educación. Ames é un concello de referencia en Galicia por varias razóns. Porque contamos cuns servizos de conciliación de calidade, unha atención moi destacable ás persoas que o necesitan,  por políticas medio ambientais pioneiras como as franxas de protección de incendios, pola aposta pola saúde e o deporte con actividades únicas e referentes, polo apoio directo ao sector comercial e empresarial local, e pola defensa directa da cultura e da nosa lingua”.

O rexedor municipal tamén destacou o traballo conxunto realizado con outras administracións. Puxo en valor o contacto directo e as relacións institucionais mantidas co Goberno autonómico, e en especial a xuntanza mantida co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen levaba sen recibir a un alcalde de Ames 14 anos e onde se acadou o compromiso de realizar o proxecto da ampliación da EDAR de Sisalde. “Tamén quero resaltar o diálogo co Estado, onde gracias á colaboración de José Miñones desde a delegación do Goberno en Galicia conseguimos logros importantes e algúns históricos para o noso concello”.

Proxecto de humanización do Milladoiro
O alcalde anunciou onte no pleno de estado do Concello que “grazas á xuntanza mantida no pasado mes de outubro de 2021 coa secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, o goberno do Estado está traballando na redacción do proxecto de humanización do Milladoiro. Ademais estase traballando no proxecto da rotonda de acceso á avenida Muíño Vello e ao parque empresarial. En setembro de 2021 presentouse o estudo previo aos empresarios e empresarias do polígono Novo Milladoiro”. Outro logro histórico, destacado polo rexedor municipal, foi a apertura da oficina de Correos do Milladoiro polas tardes, xa que durante os últimos dez anos se viña solicitando. “Afortunadamente grazas ao presidente de correos comezou a abrir e prestar servizo no mes de setembro”.

Blas García tamén tivo palabras de agradecemento para a Deputación da Coruña “da que nos últimos anos recibimos preto de 2 millóns de euros e coa que puidemos sacar proxectos adiante como o arranxo das beirarrúas da avenida da Maía ou a senda de Biduído de Abaixo, dende As Mimosas ata A Igrexa que sufragará integramente a Deputación. Pero o investimento máis importante no que colaborou a Deputación é o espazo colaborativo A Proa que por fin fomos capaces de inaugurar o pasado ano”. Tamén destacou a colaboración e relacións institucionais cos concellos limítrofes: Santiago, Brión, Teo, Negreira, A Baña e Val do Dubra “cos que temos infinidade de proxectos e temas conxuntos nos que estamos traballando”.

Áreas de urbanismo e obras
O alcalde destacou que na área de urbanismo durante o último ano sacáronse adiante varios proxectos de gran importancia como a construción dun novo Gadis en Bertamiráns; o desenvolvemento do entorno do paseo fluvial e a rúa río Sar; o S-15 do Milladoiro, ao carón da Travesía do Porto; o xeriátrico da rúa do Rego, tamén no Milladoiro; a construción de novas naves no parque empresarial Novo Milladoiro; o proxecto de construción dun hotel para máis de 80 habitacións no Milladoiro; e maila modificación do PXOM na avenida da Peregrina, en Bertamiráns.

O rexedor municipal rematou achegando datos sobre o investimento en obras. “Durante o ano 2021 investíronse en obras máis de 3,2 millóns de euros, un investimento importante especialmente se temos en conta as características especiais do último ano. Tamén se traballou na mellora de servizos tan importantes como a limpeza viaria, conciliación, limpeza de edificios ou o Plan Rural de limpeza e mantemento dos núcleos urbanos”. Rematou tendo palabras de lembranza para “dúas persoas que foron moi importantes nesta Corporación, neste e no anterior mandato como foron Jose Miñones e Ramón García Argibay. Tamén quero ter unha lembranza para Canita e Eusebio, dous traballadores municipais xa xubilados e que nos deixaron o pasado 2021”.

Intervención de José Ramón Oulego de Ciudadanos
O concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, agradeceu “a oportunidade de poder expresarnos e achegar á cidadanía a labor municipal que é moi importante como labor de transparencia. É importante que a xente saiba o que fai o goberno, como o fai, e tamén o que non fai. Tamén é importante que os veciños e veciñas coñezan o traballo da oposición que non é tan visible. Dende Ciudadanos consideramos que na actualidade en Ames hai cousas que van ben, pero hai outras que son francamente mellorables”. No apartado económico, Oulego destacou que “hai que baixar a carga impositiva dentro das nosas posibilidades. Temos unha presión fiscal elevada tralo incremento do IBI e do ICIO. É preciso reducir os impostos e facer unha rebaixa nas taxas asi como implantar unha fiscalidade máis progresiva porque así conseguiríamos aumentar a renda dispoñible dos cidadáns e axudar a paliar a forte inflación que estamos a sufrir”.

Ademais, engadiu que se debe facer unha xestión máis eficiente dos recursos públicos. “Dentro do gasto observamos unha mala planificación xa que no último pleno tivemos que aprobar un total de 441 facturas, por un importe superior aos 280.000 euros, nun recoñecemento extraxudicial de crédito. Moitas destas facturas eran de gastos recorrentes que cunha correcta planificación poderían ser solventadas de xeito correcto”. No apartado de contratación destacou “que dos contratos programados para 2021 tan só se realizaron o 47,05%, menos da metade do que estaba previsto. Somos conscientes da falta de persoal nesta área, pero cremos que hai que traballar para mellorar esta situación. Tamén volvemos a detectar un abuso do uso do contrato menor xa que ao longo de 2021 se realizaron 532 contratos menores”.

Na área de urbanismo dixo que “é preciso axilizar a tramitación de licenzas de obra e comezar de xeito en inmediato coa tramitación da modificación do PXOM. En Servizos Básicos e Obras seguimos coa tramitación para a creación da nova empresa pública da auga para a xestión do Ciclo integral da auga, pero seguimos descoñecendo datos reais sobre o saneamento. Cremos necesaria a posta en marcha dun plan de conservación e mantemento de beirarrúas, asfaltado de estradas e mellora do rural”. No ámbito da promoción económica reclamou a posta en marcha dunha incubadora de emprendemento empresarial para apoiar aos novos emprendedores e reclamou incrementar máis e melloras nas políticas activas de emprego. No ámbito social solicitou seguir traballando para seguir aumentando as horas do servizo de axuda no fogar, como unha forma de garantir unha forma e vida digna dos maiores, e considerou unha boa nova a posta en marcha do servizo de atención temperá.

Intervención de Quique Costas de Ames Novo
Interviu despois o concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, que destacou “este pleno serve para facer balance do estado do Concello e a verdade que Ames non está mal. Ten unha débeda escasa, un orzamento per cápita aceptable e uns servizos dos que podemos presumir. Polo tanto o Concello non está mal, pero pídesenos unha diagnose un pouco mais profunda, polo que vou a destacar algúns asuntos nos que o goberno municipal non está sendo o suficientemente decidido”.

Quique Costas explicou que “a participación non podemos vela como unha obriga á que lle damos trámite. A participación debera ser un obxectivo e unha ansia do Goberno e lamentablemente non é así. Hai catro consellos creados; o de nenas e nenos está activo, hai dous que non pasaron da fase de constitución que son o de educación e cultura, e hai un cuarto o de persoas maiores que foi creado e está en fase de posta en marcha. Están sen crear as asembleas territoriais e deberamos intentar poñelas en marcha o antes posible como instrumento de participación dos veciños e veciñas de cada unha das parroquias de dos dous núcleos urbanos”.

Sobre a prestación de servizos públicos dixo “é necesaria unha oposta máis decidida pola municipalización e a xestión directa dos servizos. Non deberíamos quedarnos tan só na municipalización do ciclo integral da auga e deberíamos aproveitar a constitución desa empresa pública municipal de servizos para afrontar o reto de prestar de xeito directo o contrato de servizos de monitores nos programas municipais de conciliación”.

Ademais, fixo un chamamento ao goberno para seguir dando pasos para a mellora do Milladoiro. “Alégrome de que a humanización da avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro, deixe de  ser un debuxo e se converta por fin nun proxecto. Tamén nos gustará ver como ese proxecto de complexo deportivo municipal para O Milladoiro se converte en realidade. Ademais, coincido cos compañeiros e compañeiras da Corporación que temos que poñernos pronto a tramitar a modificación do PXOM que está esgotado despois de 20 anos en vixencia e non cumpre a perspectiva dun desenvolvemento futuro poboacional e urbanístico de todo o concello con criterios actuais”.

Intervención de Genma Otero de Contigo Podemos
A voceira de Contigo Podemos, Genma Otero, comezou a súa intervención agradecendo o traballo da súa compañeira de grupo, Vanessa Vidal, polo traballo que leva realizando dende 2019 nas áreas de transparencia e patrimonio, xa que non conta con dedicación. Sobre a área de transparencia destacou que “continuamos outro ano máis sendo un dos Concellos máis transparentes de toda Galicia, ocupado o posto número 3 do ranking elaborado polo auditor/observador social da transparencia e da ética pública, DYNTRA, completando 94 dos 162 indicadores publicados e alcanzamos unha porcentaxe de transparencia de 58.02%”. Ademais, adiantou que se está traballando nun Plan de loita contra a fraude “porque temos que asumir o compromiso de tolerancia cero fronte aquelas condutas que sexan susceptibles de ser consideradas como actos de fraude, corrupción ou suborno”.

Sobre a área de inventario municipal salientou que “no pleno ordinario de decembro de 2021 aprobouse unha rectificación do inventario municipal, actualizándoo, despois de máis de 20 anos sen actuación algunha no mesmo. Incorporáronse oito bens de grande valor e importancia, como a Casa da Cultura de Bertamiráns, o complexo deportivo de Bertamiráns, o centro deportivo municipal A Telleira, as oficinas da Policía local e das de urbanismo, a depuradora de Quintáns – Ameixenda e as escolas infantís municipais  A Madalena e O Bosque”.  

Sobre a área económica destacou que “este xoves, 7 de abril, entrou en vigor o Orzamento municipal 2022 que acada unha cifra de 28.707.000 euros. É o sexto orzamento consecutivo aprobado no Concello de Ames no que se seguen a priorizar, reforzar e protexer as áreas de servizos básicos, educación e servizos sociais, e promoción social por esta orde, ademais de reforzar e ampliar o resto das áreas de goberno”. Tamén destacou que se foi adiantando a liquidación dos exercicios ano tras ano. “A última liquidación do ano 2020 amosa a boa situación económica do Concello con estabilidade orzamentaria, nivel de débeda viva moi baixo e cun remanente de tesourería de 8.363.000 euros, que permitiu poñer en marcha entre outras actuacións o Plan Ames Progresa dotado de 5.700.000 euros, apostando por un forte investimento público para dinamizar a nosa economía local”.

Ademais, destacou a alta execución que houbo nos exercicios 2020 e 2021, anos marcados pola pandemia na que se acadaron cifras moi elevadas de execución do capítulo 6 de investimentos reais de 4.185.000 euros en 2020  e 3.245.000 euros en 2021, sumando un total de execución en investimentos que acada unha cifra de 7.430.000 euros. Na área de contratación destacou que durante o último ano e medio conseguiuse licitar expedientes de obras, servizos, subministros e outros por un total de 16.800.000 euros, que sumados aos contratos menores tramitados por valor de 2.000.000 euros, suman un total de 18.800.000 euros de expedientes tramitados.

Intervención de David Santomil do BNG
O voceiro do BNG, David Santomil , comezou aludindo á estabilidade política. “Seguimos a desenvolver o noso programa de goberno municipal durante a pandemia da Covid19, reforzando a atención social, os servizos e os investimentos públicos. Educación, Cultura, Comunicación, Lingua e Mocidade demostraron capacidade de adaptación e incrementaron o seu orzamento. O BNG destaca a estabilidade política e aposta por un modelo de concello máis sostible e integrador”. A continuación destacou o investimento público a través dos fondos europeos do Plan Impulsa Ames, do Plan Ames Progresa e do Plan Único da Deputación da Coruña.

David Santomil destacou a labor desenvolvida no último ano en tres áreas. Sobre a área de Cultura e Comunicación destacou “mantivemos e reforzamos a programación cultural en tempos de pandemia, lanzamos os Bonos Culturais, actualizamos a web da Billeteira, organizamos cursos de alfabetización dixital nos locais socioculturais das parroquias no rural, démoslle continuidade aos festivais internacionais de Cinema Miúdo e de maxia Festimax, así como ao Millarock, e apoiamos ás corais, grupos de música e baile tradicional de Ames. Tamén se crearon os Encontros literarios, déuselle un impulso aos Seráns de Tapia, ampliouse a programación nas bibliotecas municipais e impulsouse a EMMA. Constituímos o Consello Sectorial da Cultura e reformouse a Radio municipal, que deu o salto á web coa incorporación da radio á carta e podcast”.

Sobre as áreas de lingua e mocidade destacou a presentación do mapa sociolingüístico escolar do concello de Ames, en colaboración coa Real Academia Galega. Ademais, salientou as actividades realizadas con motivo do día de Rosalía, o bo funcionamento da Factoría, a continuidade do programa Trouleando, a segunda edición do programa Galetiktokers, os premios Lingua Empresa, o reforzo do programa Apego. Tamén se lle deu continuidade ao obradoiro En Galego co teu Acento, ao Certame Literario, ao Club de Debate e creouse a Asociación ALINGUA.

Por último, de educación e servizos complementarios destacou a construción do novo comedor do CEIP A Maía e maila ampliación dos programas de conciliación ás escolas unitarias de Covas e Ortoño. Tamén salientou o centro de compostaxe comunitaria para comedores, a eliminación das botellas de plástico nos comedores escolares e a aposta polos produtos de proximidade.

Intervención de Oliva Agra do Partido Popular
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, comezou dicindo que “nos últimos sete anos Ames mudou, non só se cambiou de alcalde senón que se mudou no xeito de facer as cousas. Mudouse tamén a un estancamento e a unha suba de impostos, mudamos á demagoxia e a falta de seriedade. Ames está paralizado e non hai máis que ver os acordos que aprobamos en pleno que soen ser dous ou tres puntos que apenas repercuten na mellora da vida dos veciños e veciñas. Se tiveramos que poñerlle nota a este goberno sería a de suspendo, e non porque non estuden, porque este goberno é o que máis estudios fai, magoa que só se dediquen a facer proxectos que quedan en papel mollado e non os executan”.

Oliva Agra continuou dicindo “teñen deficiencias en moitos ámbitos. Non incrementan o crédito para a renda social municipal cando máis se necesita, deixase sen atender a poboación xuvenil, deixase sen executar a maior parte dos fondos europeos da EDUSI, non avanzan na municipalización do servizo da auga, etc. O tempo dirá se esta municipalización é boa ou mala, pero vostedes o que fan é facer anuncios e despois non toman decisións, e iso é o que eu critico. Outro exemplo é a cociña central do comedores, levan anunciando este proxecto catro anos, pero o certo é que a día de hoxe non existe. Gobernan con absoluta improvisación e falta de folla de ruta, que guíe a actuación municipal. Teñen un das porcentaxes máis baixas de investimentos reais da historia deste Concello e continúan abusando dos contratos a dedo”.

A voceira do PP de Ames tamén incidiu en que “non dispoñen de liñas de política fiscal, subiuse o IBI no peor momento e cando o goberno ten a posibilidade de baixalo e non cobrar a suba, o que fai é a volver a modificar o ordenanza no último semestre do ano pasado para confirmar a subida. Dende o grupo municipal popular propuxemos hai un ano baixar 10 impostos e 10 taxas municipais, pero este goberno non quixo nin debater dita proposta, o cal denota unha clara falta de vontade de facer política fiscal que mellore o día a día da xente. Outra das grandes áreas esquecidas por este goberno é a de urbanismo. Ames ten o Plan Xeral aprobado dende hai 20 anos e o mes pasado aprobouse a primeira modificación puntual para cambiar os usos dunha parcela dotacional”. Ademais, criticou que o departamento de urbanismo está colapsado e que se tarda unha media de preto de tres anos na tramitación das licenzas de construción.
 
Intervención de Luísa Feijóo do Partido Socialista
Pechou as quendas de intervencións a voceira do PSOE, Luísa Feijóo, que dixo que “Ames caracterízase pola súa estabilidade o que nos permite progresar e avanzar.  O ano 2021 estivo marcado polas consecuencias económica da pandemia da Covid. A pesar diso seguimos apostando polo compromiso social blindando os servizos sociais cun incremento de orzamento que nos permitiu seguir mellorando o servizo de axuda no fogar, incrementando  o contrato en 336.850 euros e poñendo en marcha unha aplicación informática que nos permite mellorar  a xestión e planificación do servizo. Tamén nos permitiu continuar coa liña de colaboración e coordinación coas entidades de iniciativa social; seguir mantendo as axudas para a recuperación e a renda básica; seguir sendo un dos poucos concellos que continúan tendo axudas para aquelas familias numerosas con menos recursos; e púxose ne marcha o servizo de atención temperá no que xa atende a 24 rapaces e rapazas  entre 0 e 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. Cómpre destacar tamén a concesión por parte da RECS do premio nacional de calidade polo fomento de iniciativas que favorecen os estilos de vida saudable ao programa Ames Saudable”.

Sobre a área deportiva salientou o papel das Escolas deportivas con máis de 2.100 alumnos/as nas que se inclúen 20 actividades diferentes, e a realización doutros eventos deportivos como Achégate ao Piragüismo ou a 5K.  Na área de mobilidade destacou a elaboración do PMUS de Ames, documento do que dependen actuacións que se levarán a cabo no 2022, a redacción de estudos previos para os sendeiros escolares; a sinalización de velocidade 30km/h para proceder ao calmado do tráfico e intentar reducir a sinistralidade; a limpeza e reparación de marquesiñas de zona urbana e outras actividades como a III Semana Europea da Mobilidade ou a celebración por primeira vez do Día da Seguridade Viaria.

Dentro da área de promoción económica destacou o investimento de máis dun millón de euros no comercio local. Deste xeito, puxéronse en marcha as campañas de tarxetas bono Mercames e Reactiva, ás que en 2021 dedicáronse 189.400 euro. A través desta campaña xerouse un volume de negocio en 2021 de 430.000 euros. Tamén se convocaron distintas liñas de axudas: PEL Reactiva, dotado de 582.547 euro, con 434 solicitudes; axudas do Plan Reactiva Ames dotada de 145.000 euros da que se beneficiaron 48 empresas amesás; e axudas do Plan Ames Progresa dotado con 120.000 euros. Dentro desta área tamén se puxeron en marcha outras iniciativas de dinamización local como o Ameson, concurso de karaoke Canta con Ames, etc. Seguise impartindo o programa integrado de emprego do que se beneficiaron 118 mulleres, das cales máis do 40% conseguiu un contrato laboral e tamén se deu continuidade aos obradoiros duais de emprego.

No eido da transición ecolóxica destacou que se procedeu ao cambio de luminarias do rural. O importe do contrato ascende a 1.230.669,90 euros, IVE incluído, debendo rematarse no mes de abril deste ano 2022. Déuselle continuidade ao programa de campamentos de verán, ao plan de incendios, e á iniciativa Tanto monte monte tanto, para poñer en valor a produción dos nosos montes e de diversos produtos do campo. Seguise apostado polo traballo da Brigada Aprol, da brigada medio ambiental e polo coidado das colonias felinas. Por último, na área de turismo, en 2021 fíxose a presentación do libro e conmemorar o 550 aniversario da Batalla de Altamira; traballouse na promoción do Camiño da Ría Muros e Noia, e estase traballando na elaboración dun inventario turístico, que recolla o patrimonio material e inmaterial do municipio.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Confirman la redacción del plan de humanización de O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Nuevos servicios: al futuro Gadis se sumará un hotel con ochenta habitaciones"

Enfoques: "Blas García anuncia que el proyecto de humanización de O Milladoiro está en fase de redacción"

Imaxe do pleno sobre o estado do Concello

Multimedia

  • Imaxe do pleno sobre o estado do Concello
  • Imaxe do pleno sobre o estado do Concello
  • Imaxe do pleno sobre o estado do Concello
  • Imaxe do pleno sobre o estado do Concello
  • Embedded thumbnail for