Pestanas principais

O alcalde de Ames asina o contrato de varias obras, que están incluídas no POS 2013, por valor de preto de 140.000 euros

Martes, 03 de setembro de 2013

[03-09-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, acaba de asinar co representante da empresa Martínez Montes e Hijos SL o contrato de varias obras de pavimentación e mellora de vías e accesos que se executarán no municipio con cargo ao financiamento do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña correspondente ao 2013. O investimento que se fará nestas obras achégase aos 140.000 euros. Deste xeito, a xestión levada a cabo polo Concello e o esforzo realizado neste eido fan posible que se axilice a posta en marcha destas obras do POS, que en anos anteriores levaron unha tramitación máis prolongada.

O goberno municipal acaba de dar o último paso de cara ao comezo de varias obras sufragadas a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña de 2013. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o representante da empresa Martínez Montes e Hijos SL asinaron o contrato de varias obras de pavimentación e mellora de vías e accesos que se executarán en varios puntos do municipio.

Deste xeito, executaranse os traballos de mellora na capa de rodaxe nos camiños Capeáns-Igrexa de Covas e no interior do lugar de Paraxó. Tamén se inclúe neste proxecto a pavimentación do Camiño da Rosaleda, no que se procederá á súa pavimentación con doce centímetros de grava e posterior triple tratamento asfáltico co obxectivo de mellorar o seu estado. Estas obras contan cun orzamento de 53.542 euros. As obras nestas zonas, situadas nas parroquias de Covas e Ortoño, permitirán unha mellora considerable do firme.

Tamén se destinarán un total de 31.617 euros á mellora na capa de rodaxe do camiño no cruce Insua-Novais-Gasamáns, camiño Galiñeiro, interior de Pedras, Camiño de Castelo e interior en Castelo. Estas actuacións, nas parroquias de Agrón e Ames, permitirán mellorar o estado no que se atopan estas vías como consecuencia da instalación do alcantarillado. Os traballos consistirán na aplicación de tratamento asfáltico, no rego e selado da plataforma e contémplase, ademais, a apertura e limpeza de gabias e limpeza de salvagabias.

Por último, adxudicáronse por un total de 54.661 euros as obras de mellora na capa de rodaxe do camiño Bertamiráns-Barreira-Ponte de Lapido e no camiño Igrexa-Campo de fútbol-A Tarroeira (Ortoño). Durante o pasado ano realizáronse actuacións en diversas parroquias e atopouse que o firme destas estradas se atopa en estado defectuoso, polo que se fai necesario actuar sobre elas. En ambos camiños mellorarase a capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado, repararanse as fochancas e daráselle un tratamento asfáltico semiprofundo, e posterior pintado de bordes, aparcamentos e sinalización. Tamén se contempla a apertura e limpeza de gabias.