Pestanas principais

O alcalde de Ames e o inspector da Policía Local de Ames reciben na Casa do Concello ao tenente-comandante da Garda Civil do Milladoiro antes de efectuar o seu traslado ao posto de Boiro

Mércores, 16 de xullo de 2014

[16-07-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o inspector da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez, reuníronse co tenente - comandante do posto principal da Garda Civil do Milladoiro, Jorge Rodríguez Serantes, antes de efectuar o seu traslado ao posto da Garda Civil de Boiro. Esta foi unha xuntanza de despedida antes de que o tenente – comandante da Garda Civil deixara o seu posto no cuartel do Milladoiro. Nesta reunión o alcalde de Ames agradeceulle o traballo feito no concello de Ames e desexoulle moito éxito no seu novo cometido. Asemade agradeceulle a posta en marcha de varias iniciativas e campañas en Ames. Ademais, durante as últimas semana a Policía Local de Ames realizou un total de 17 actuacións relacionadas con delitos de furto e contra a seguridade viaria. Durante esta semana o corpo de seguridade amiense está realizando unha campaña de control da taxa de alcoholemia e drogas entre os condutores que circulan polas vías de Ames.

A seguridade viaria segue a ser unha prioridade para a Policía Local de Ames. Deste xeito, o corpo de seguridade amiense imputou durante o mes de xuño e a primeira semana de xullo un total de dez delitos contra a seguridade viaria, a maior parte deles por alcoholemia. Ademais, tiveron que intervir en cinco casos de furto e detiveron a unha persoa por un delito de ameazas, resistencia e atentado contra os axentes da autoridade, e a outra por non presentarse no xulgado de Santiago de Compostela.

O primeiro delito contra a seguridade viaria detectouse o pasado 4 de xuño cando os axentes da Policía Local detiveron na rúa da Madalena, no Milladoiro, a unha persoa que circulaba nun vehículo sen o correspondente permiso de condución. Esta persoa non sacara nunca o permiso de conducir. Un suceso igual ao anterior detectouse o pasado 2 de xullo na avenida de Azcárraga, en Bertamiráns, cando os axentes detectaron que unha persoas que estaba conducindo sen o permiso de condución.

O resto de delitos contra a seguridade viaria son debido a resultados positivos nas probas de alcoholemia. Os primeiros casos datan do pasado 16 de xuño. Os axentes detiveron na avenida da Maía a dous condutores, que presentaban síntomas de conducir baixos os efectos do alcol. Estas persoas, que circulaban en dous vehículos diferentes, negáronse a facer a proba de alcoholemia polo que se se lle imputou un delito contra a seguridade viaria.

A finais do mes pasado, o 29 de xuño, os axentes da Policía Local imputaron dous novos delitos contra a seguridade viaria ao realizarlle a proba de alcol a dous condutores, que circulaban pola rúa Agriños, no Milladoiro. Estas persoas deron uns resultados de 0,93 e 0,99 mg/l. Uns días despois, o pasado 5 e 6 de xullo, volveron a detectarse catro casos de taxas de alcol por encima do permitido. Dous deste delitos contra a seguridade viaria foron detectados na rúa da Madalena, no Milladoiro, cuns resultados de 0,73 e 0,69 mg/l. Na rúa do Bosque, situada na urbanización A Peregrina, detectáronse outros dous casos por taxas de alcol por encima do permitido. Estas persoas deron uns resultados de 0,97 e 0,98 mg/l.

Seguindo esta liña de traballo, a Policía Local de Ames adheriuse á programación de Campañas e Operacións de Vixilancia e Control para o ano 2014 impulsadas pola Dirección Xeral de Tráfico. Deste xeito, entre o 14 e 20 de xullo estase levando a cabo unha campaña de control da taxa de alcoholemia e drogas entre os condutores que circulan polas estradas do municipio de Ames.

Delitos por furtos
Por outra banda, os axentes do corpo de seguridade amiense imputaron outros cinco delitos por furtos e intentos de furtos. O primeiro intento de furto produciuse o pasado 1 de xuño no PAC de Bertamiráns. Un día despois, o 2 de xuño, os axentes detiveron a unha persoa por esconder diversos obxectos no seu pantalón cando estaba no interior dun supermercado de Bertamiráns. Outro caso detectouse na avenida de Rosalía de Castro no Milladoiro, cando os membros da Policía Local detectaron o posible roubo dun vehículo a motor por parte de varios individuos que se deron á fuga.

Os dous últimos casos de furto producíronse o pasado 18 de xuño e o 2 de xullo. No primeiro caso detívose a unha persoa que roubou unha carteira do interior dun bolso, que contiña diñeiro e diversa documentación. Finalmente a Policía Local puido recuperar a devandita carteira e instruíu as correspondentes dilixencias contra o presunto ladrón. O segundo caso tivo lugar nas piscinas do Milladoiro, onde se produciu un furto con danos no mobiliario.

Por último, o pasado 1 de xullo detívose a unha persoas por un delito de ameazas, resistencia e atentado contra os axentes da autoridade, e o o 4 de xuño detívose a outra persoa na rúa da Madalena, no Milladoiro, que tiña a orde de presentarse no xulgado de Santiago de Compostela.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Policía Local amiense tuvo que intervenir en cinco casos de hurto"