Pestanas principais

O alcalde de Ames e o presidente da Deputación asinan un convenio para acometer melloras no campo de fútbol de Bertamiráns

Xoves, 30 de maio de 2013

[30-05-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinaron esta mañá un convenio de colaboración, dotado con máis de 58.749 euros, para acometer un conxunto de actuacións no entorno do campo de fútbol municipal de Bertamiráns. A achega económica do organismo provincial, de 45.860 euros, supón máis do 78% do orzamento das obras, que en total ascenderá a 58.749,54 euros. Tras a firma do convenio na Casa do Concello, o rexedor amiense e o presidente da Deputación desprazáronse ata o campo de fútbol, acompañados por varios membros do Goberno municipal e polo presidente do Bertamiráns F.C.


Nesta zona, e ante as numerosas peticións veciñais, o Concello de Ames decidiu levar a cabo a ampliación do camiño no interior do núcleo de Lapido, de xeito que se unificou cun ancho de 8 metros. Esta actuación levou asociado o incremento de reposición de peches de formigón nos terreos cedidos polos propietarios e o incremento da superficie a pavimentar con formigón ata os 8 metros de ancho. Tamén se realizou a canalización dos servizos de iluminación e telefónicos, coas correspondentes arquetas. Finalmente, levouse a cabo o traslado de postes e contadores.

Os traballos previstos no campo de fútbol de Bertamiráns inclúen o peche da instalación, o acondicionamento do palco e a instalación dun novo almacén debaixo deste e a creación de dous almacéns debaixo das gradas. Ademais, acometeranse obras xerais de urbanización e acondicionamento do campo como un novo solado do perímetro de acceso ás gradas, o arranxo do camiño traseiro ou a plantación de céspede e de trepadeiras.

O proxecto tamén supón a instalacións de novos aseos no campo de fútbol e a realización de reparacións. Entre estas inclúense as melloras de elementos como varandas, taquilla ou reposición de reixas.

Visita a Lapido
Despois da visita ao campo de fútbol municipal, Santiago Amor e Diego Calvo trasladáronse ata Lapido, na parroquia de Ortoño, onde se levou a cabo a segunda fase das obras de pavimentación interior deste núcleo grazas a un convenio asinado pola Deputación da Coruña ao que se destinaron 79.202 euros. Deste xeito, rematouse unha obra que se deixou sen concluír na lexislatura anterior por problemas de financiamento. Trátase duns traballos moi demandados polos veciños e veciñas da zona, algúns dos cales estiveron presentes durante a visita.

Durante a visita ao campo de fútbol, o rexedor amiense subliñou “a importancia deste investimento, comprometido polo presidente da Deputación, é un símbolo do compromiso de Ames co deporte local e cos clubs deportivos”. Santiago Amor destacou que as obras que se levarán a cabo “suporán un importante beneficio para o conxunto da instalación, que empregan máis de 500 nenos/as e maiores”. O alcalde de Ames agradeceu “o compromiso da Deputación con Ames, unha aposta que permitiu levar a cabo nos últimos meses obras moi demandadas no noso municipio, como a mellora da Travesía do Porto, a pavimentación en Lapido ou a ampliación do abastecemento a Barouta”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña entende que no Concello de Ames “vive moita xente nova”, un sector de idade con moitas necesidades vinculadas á práctica deportiva. “Rematar instalacións coma esta é unha boa decisión do alcalde”, asegurou Calvo, quen recoñeceu “que os convenios asinados coa Deputación posibilitaron rematar moitas obras que estaban pendentes en Ames”. O titular provincial tamén mostrou a súa disposición a “seguir dando as solucións que nos demandan desde o equipo municipal”.

Todas as categorías do Bertamiráns (benxamín, alevín, infantil, cadetes, xuvenís e modestos) adestran neste campo. Ademais, estas instalacións son empregadas polo club Estela 25.com e por outros clubs deportivos.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Convenio para acometer melloras no campo de fútbol de Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "Ames afronta mejoras en el entorno del campo de fútbol de Bertamiráns"