Pestanas principais

O alcalde de Ames e o presidente da Deputación da Coruña inauguran as accións formativas do programa Rede Xiana 2, do que o municipio é sede

Luns, 09 de setembro de 2013

[09-09-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, inauguraron esta mañá no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova as accións formativas específicas do programa Rede Xiana 2 para a obtención de certificados de profesionalidade. Un total de 18 persoas desempregadas dos concellos de Ames, Brión, O Pino, Teo, A Baña, Boqueixón, Vedra e Touro participan nesta iniciativa e comezan hoxe a acción formativa de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión. A principal novidade deste programa, cofinanciado pola Deputación e o Fondo Social Europeo, é que os participantes rematarán os seus estudos teórico-prácticos recibindo un certificado de profesionalidade que suporá un recoñecemento oficial da súa capacitación para acceder ao mercado laboral.



Ames, sede da Rede Xiana 2

O Concello de Ames é sede da área 9 do programa Rede Xiana2. Deste xeito, o Concello de Ames desenvolve en colaboración coa Deputación da Coruña, accións formativas dirixidas a persoas desempregadas dos concellos de A Baña, Ames, Brión, O Pino, Teo, Boqueixón, Touro e Vedra. As accións formativas centraranse na área das novas tecnoloxías e enerxías renovables. En total impartiranse máis 2.500 horas de formación.

Este curso introdutorio de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión terá continuación coas accións formativas programadas a desenvolver no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova ao longo do vindeiro ano 2014, como son os certificados de profesionalidade completos de operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas, montaxe e mantemento de redes eléctricas de alta tensión e montaxe e mantemento de instalacións fotovoltáicas.

O programa formativo do proxecto RedeXiana2 inclúe en relación á formación específica a impartir, unha fase de formación teórica e unha fase de prácticas non laborais en empresas de sectores relacionados coa área e actividade na que se está formando o alumno/a.

O obxectivo final consiste nunha maior profesionalidade das persoas desempregadas e a súa inserción no mercado laboral en termos de calidade e responsabilidade social, en virtude do Pacto Provincial polo Emprego Responsable na provincia da Coruña, asinado polos 91 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes que participan no proxecto RedeXiana2.

Ao acto asistiron tamén os alcaldes de Brión, José Luis García, e o de Vedra, Carlos Martínez, así como os concelleiros de Ames de Promoción Económica, Bernardo Moar; de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, e de Urbanismo, Alfredo Taboada. Ademais, asistiron os concelleiros da Corporación Francisco Villaverde e Manuel Ferreiro.

Na súa intervención, o alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceu ao presidente da Deputación “o seu apoio aos concellos na posta en marcha de accións formativas”. O rexedor destacou que Ames volve a ser un ano máis sede da Rede Xiana e fixo fincapé en que “o Concello traballa coa mirada posta en loitar contra o desemprego, xa que é un dos nosos compromisos máis firmes e unha prioridade na nosa axenda”.

Santiago Amor subliñou “a importancia da colaboración entre os concellos neste tipo de proxectos, que redundan no beneficio dos nosos veciños e veciñas”. Nesta liña, puxo o exemplo de Ames e Brión “dous municipios que xa colaboramos en varios proxectos, como o obradoiro de emprego Encontro Verde, e seguimos traballando nesa liña”. O rexedor amiense destacou que “o obxectivo desta colaboración é sumar esforzos para tentar mudar na medida das nosas posibilidades a realidade dos nosos concellos”.

O rexedor fixo fincapé en que “Ames dispón dun centro de formación que conta cun gran potencial para acoller accións formativas de calquera administración e que agora se está complementando coa construción dun aparcamento grazas ao apoio da Deputación”. O alcalde agradeceu, ademais, o esforzo dos técnicos municipais e da Deputación e a súa implicación na homologación do centro de formación.

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, agradeceu a colaboración de Ames neste programa e fixo fincapé en que “estamos dando comezo a algo grande, xa que non só inauguramos este curso senón que poñemos en marcha ferramentas para loitar contra o desemprego, unha cuestión que nos preocupa a todos. Diego Calvo destacou que desde o ano 2001, no que se puxo en marcha este proxecto, “2.000 persoas desempregadas recibiron formación e, delas, o 64% introducíronse no mercado laboral”.

O presidente do organismo provincial subliñou que “por primeira vez os alumnos e alumnas reciben ao rematar un certificado de profesionalidade que demostra a súa formación”. Esta mellora do programa de formación para persoas desempregadas foi posible grazas a un acordo subscrito coa Consellería de Traballo e Benestar.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Inauguran un centro amiense que forma ya a 18 desempleados"