- Tematica
O Concello vén de aprobar as bases da campaña merca@ames que porá en circulación 3000 tarxetas-bono para gastar nos establecementos de Ames. O alcalde, José Miñones, e o presidente de XEA, Jorge López, xunto coa Concelleira de Promoción económica, Ana Paz, asinaron o convenio para a subvención destes bonos. O concello aportará 89.000 euros, o que permitirá poñer en movemento 200.000 euros para gastos directos no comercio local. Presentaranse dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50 para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100. Do 10 ao 31 de xaneiro poderán inscribirse os establecementos que desexen adherirse á campaña e a partir do 5 de febreiro comezarán a distribuírse os bonos entre os potenciais clientes dos establecementos adheridos. A iniciativa está contemplada no Plan de reactivación económica do Concello de Ames.
A campaña desenvolverase en dúas fases. A primeira alongarase desde o 5 de febreiro até o 31 de marzo e a segunda levarase a cabo a partir do mes de setembro. Todas as empresas e comercios de Ames, agás supermercados de gran superficie, farmacias, estancos e gasolineiras, establecementos sanitarios e casas de xogo, poderán inscribirse na campaña entre o 5 e o 10 de febreiro. Ademais, a partir do día 5 habilitaranse dous espacios, un en Milladoiro e outro en Bertamiráns, para que XEA poida distribuír estas tarxetas entre os potenciais clientes dos establecementos adheridos.
O Concello aporta o 40 por cento do valor dos bonos
O Concello aporta o 40 por cento do valor dos bonos. Cada potencial cliente poderá mercar dous como máximo: un de 50 euros, polo que pagará 30, e outro de 100, cunha subvención de 40€. A axuda de 89.000€ que dará o Concello ás asociacións de comerciantes permitirá poñer en movemento 200.000€ para gastos directos no comercio local. A aportación supón un 40% dos gastos de cada tarxeta como medida de apoio ao comercio local. A iniciativa está contemplada no Plan de reactivación económica que o Concello puso en marcha no ano 2020.
Compre salientar que as outras dúas asociacións de comerciantes e empresarios, Palmira Boulevard e Asociación de Empresarios do Polígono Novo Milladoiro que teñen sede no concello chegaron a un acordo para que sexa XEA quen xestione a campaña. Nos próximos días, XEA firmará un convenio de colaboración con unha entidade financeira para a xestión das tarxetas bono despois da sinatura do convenio co Concello de Ames e a aprobación das bases que a xunta de goberno local deixou feitas a finais do ano pasado.
Na sinatura do convenio estiveron presentes ademais do alcalde e o presidente de XEA, a concelleira de promoción económica, Ana Paz, e o técnico do departamento, Jorge Couñago. Para o presidente de Xea, Jorge López, “é unha oportunidade extraordinaria para que se mova o comercio, ademais coincide co mes de febreiro, un mes no que tradicionalmente adoitan a baixar as vendas; tamén cadra ven porque abeiran as datas ao entroido e a Semana Santa e este pode ser un moi bo incentivo para que a xente de Ames merque no seu concello e tamén para que veñan potenciais clientes de fora”.
Para a Concelleira Ana Paz "estas tarxetas-bono tan só poderán gastarse nos comercios de Ames nas campañas que imos a activar e a nosa intención é que poidan converterse nunha futura tarxeta municipal do comercio con bonificacións nas compras de Ames"
O Alcalde, José Miñones, sinala que este tipo de accións son a aposta que desde o Concello se quere levar a cabo para a recuperación económica do tecido comercial de Ames, con inxección directa de fondos que poñan en movemento riqueza para o tecido comercial.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Bonos para axudar aos comercios amesáns en febreiro e setembro"
La Voz de Galicia: "Ames repartirá 89.000 euros en tres mil bonos para fomentar las compras en el comercio local"