- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, envioulle un escrito ao director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, para trasladarlle as incidencias detectadas nos últimos meses na ruta de transporte metropolitano XG8040601: Santiago E.I.-Portomouro, que afecta á veciñanza das parroquias de Covas, Ames, Tapia e Piñeiro. Deste xeito, solicítase o restablecemento de frecuencias de autobús da liña Portomouro-Santiago e que se lle dea solución a outras incidencias detectadas en dita liña. Tamén se solícita poder manter unha xuntanza co director xeral, para explicarlle persoalmente estas incidencias e problemas no servizo.
O Concello de Ames, a través do seu alcalde, Blas García, vén de enviarlle ao director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, as queixas que lles trasladan as asociacións veciñais de Tapia, Piñeiro, Covas, As Tres Aldeas (Vilar, Pedrouzos e Lamas) e Ames (Pedra do Fuso), para tratar de solucionar as incidencias detectadas nos últimos meses na liña do servizo de transporte metropolitano que discorre de Portomouro a Santiago de Compostela, que afecta á veciñanza destas parroquias. Dito escrito foi enviado á Dirección Xeral de Mobilidade xunto coas sinaturas recollidas polas distintas asociacións veciñais.
En dito escrito o alcalde de Ames, Blas García, trasladarlle “a preocupación polos cambios que sufriu nos últimos tempos a ruta de transporte metropolitano XG8040601: Santiago E.I.-Portomouro, que afecta as paradas de Augapesada, Cruxeiras, Tapia, Vilouta, Covas e San Mamede de Piñeiro; e, polo tanto a catro parroquias do concello de Ames: Covas, Ames, Tapia e Piñeiro. Como non pode ser doutro xeito, a este Goberno e en concreto a min como alcalde, tócanos defender os dereitos das veciñas e veciños afectados, polo que lle solicito que se interese por este servizo e polo seu bo funcionamento, o que basicamente consiste en que se cumpra o que constaba no proxecto de licitación, que posteriormente foi asinado”.
Por outra banda, tal e como trasladan as asociacións destas parroquias, existen outro tipo de cuestións que impiden un funcionamento axeitado do transporte público tales como:
-Fallos continuados nos lectores da tarxeta- bono en determinadas viaxes, nas cales non contabilizan o número de usuarios ou usuarias.
-Os billetes expedidos aos viaxeiro ou viaxeiras non recollen o traxecto real, aínda que o destino sexa calquera parroquia da liña de Ames, no billete constan ata Roxos.
-Nalgunha viaxe dende a empresa concesionaria toma a decisión de que os autobuses dean a volta sen chegar ao destino, ou ben desvíanse sen completar a ruta.
-En moitas das viaxes os autobuses pasan antes de tempo, con un atraso importante ou simplemente non pasan deixando sin servizo a veciñanza.
Estas incidencias anteriormente sinaladas, así como a retirada de frecuencias veñen producíndose desde comezos deste ano, o que, causa enormes trastornos á veciñanza deses lugares que é usuaria do servizo de transporte metropolitano. Especialmente cando estes veciños e veciñas non poden empregar o autobús para desprazarse aos seus traballos, citas médicas ou para realizar os seus estudos ou tarefas habituais.
O rexedor municipal indica “seguramente coincidimos na importancia que ten a existencia dun transporte de calidade que sirva como servizo de comunicación entre as zonas rurais e as zonas urbanas e máis poboadas, xa que, dentro desas diversas campañas que as administracións desenvolvemos para fixar a poboación nos núcleos rurais, é clave un bo sistema de comunicacións que permita os traslados e viaxes con normalidade, e, sen dúbida, o transporte metropolitano é peza clave para este menester”.
A veciñanza afectada, tanto a nivel particular como a través das asociacións veciñais xa puxeron en coñecemento da Consellería de Mobilidade e do Concello de Ames o trastorno que lle ocasionaron estes cambios, e desde o Concello de Ames deuse traslado por rexistro á Consellería de Mobilidade e á empresa Monbus.
Por último, o alcalde solicítalle ao director xeral poder manter unha xuntanza para explicarlle persoalmente as incidencias e problemas no servizo, á que iría acompañado con representantes das asociacións veciñais afectadas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Reforzarase o bus que une Portomouro con Santiago a través da Maía"
La Voz de Galicia: "Mobilidade reforzará la línea de bus de Portomouro con servicios a las 7.30 y a las 13 horas"
El Correo Gallego: "Trasladan a Mobilidade el caos con el bus que va de Portomouro a Santiago"
La Voz de Galicia: "El alcalde de Ames pide que se restablezcan los horarios del bus de Portomouro"
Ames Go: "Queixas polas incidencias na liña Portomouro-Compostela"
Enfoques: "Blas García exige explicaciones a la Xunta por deficiencias en el transporte metropolitano en Ames"