- Tematica
O rexedor municipal quere dirixirse a toda a veciñanza de Ames, despois dos duros e complicados momentos vividos nos últimos meses. Deste xeito, envía unha mensaxe de apoio á veciñanza amesá para encarar con forza esta nova etapa tralo estado de alarma pola Covid-19. Ademais, aproveita para dar a coñecer que o Concello de Ames traballou para poder ofrecer unha resposta seria e rápida ante a situación sen precedentes que houbo que asumir en tódalas áreas municipais. Tamén pide seguir extremando as precaucións para evitar rebrotes indesexados. Preme nesta ligazón para consultar o comunicado íntegro.
Unha vez levantado o estado de alarma, o alcalde de Ames, José Miñones, quere agradecerlle á veciñanza de Ames o seu civismo e bo comportamento durante os pasados meses. Tal e como indica no comunicado “despois dos duros e complicados momentos que temos vivido nos últimos meses, imos albiscando o final dunha etapa que mudou inesperadamente as nosas vidas e supuxo a necesidade de afrontar unha situación descoñecida e impredicible para todas e todos”.
Ademais, dende o Concello son conscientes da difícil situación económica que deixa a crise sanitaria da Covid-19 en moitas empresas e negocios. Jose Miñones indica que “moitas familias, empresas, autónomos, viron como dun día para o outro tódalas súas previsións e proxectos se vían alterados, tendo que reformular a súa vida ou a súa actividade para volver, unha vez máis, a comezar”. Por iso, estase traballando no Plan Reactiva Ames para axudar a reactivar de novo o comercio local e as empresas amesás.
O alcalde tamén aproveita para dar a coñecer que o Concello de Ames traballou para poder ofrecer unha resposta seria e rápida ante a situación sen precedentes que houbo que asumir en tódalas áreas municipais. “Boa mostra dese compromiso co noso pobo, é o traballo desenvolto polos servizos sociais do noso Concello buscando atender aos máis necesitados, o voluntariado que achegou medicinas e alimentos ata os maiores que o necesitaban, ou a través de Protección civil, ou mesmo na atención á veciñanza duplicando esforzos, coa Policía local mantendo a seguridade e a orde, ou mesmo co persoal teletraballando para manter os servizos necesarios”, explica Miñones.
Por último, indica “con todo, é preciso non baixar a garda e manter tódalas medidas precisas para evitar volver a unha situación como a vivida. É importante que todas e todos nos manteñamos firmes e sexamos responsables, dende os máis maiores ata os máis pequenos, e non botemos pola borda todo o feito ata o de agora, todo o tempo de confinamento sen poder ver aos nosos seres queridos, sen poder desenvolver a nosa vida normal. Nese senso quero destacar e agradecer o bo actuar da nosa veciñanza que de xeito maioritario cumpriu coas normas que limitaron os nosos movementos”.