Pestanas principais

O alcalde de Ames, Jose Miñones, envíalle unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza e agradécelle a implicación nas medidas adoptadas para frear a pandemia do Coronavirus

Luns, 16 de marzo de 2020

O rexedor municipal quere dirixirse a toda a veciñanza de Ames, nestes momentos de extrema complexidade, para mostrarlles en nome do Concello de Ames o seu apoio e agradecemento polo bo xeito de dar cumprimento ás medidas e recomendacións feitas nas últimas xornadas polas administracións e autoridades para poder frear a pandemia do COVID - 19 (Coronavirus). Ademais, achega unha mensaxe de tranquilidade e anima a respectar tódalas esixencias establecidas, para superar esta situación de emerxencia sanitaria máis pronto que tarde. Preme nesta ligazón para consultar o comunicado íntegro.

Dende o Concello de Ames púxose en marcha un Comité de seguimento do COVID-19, composto por técnicos municipais e tamén por unha representación do goberno municipal, que está en permanente contacto para conseguir actuar axiña ante os diferentes cambios que vaian xurdindo na xestión da crise sanitaria na que nos encontramos.
 
O alcalde de Ames destaca “quero aproveitar esta mensaxe, para agradecer a labor que leva a cabo todo o persoal dos servizos sanitarios, así como a tódalas persoas que traballan no Concello de Ames, e en especial á Policía Local e aos servizos que van a cubrir nestes días os servizos esenciais, pola colaboración prestada ata agora e a que prestarán nos vindeiros días, xa que en moitos casos suporá un importante incremento nos seus esforzos. Tamén será imprescindible a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que en todo momento prestan unha impagable labor”.
 
Ademais, lémbrase que todas as instalacións municipais permanecerán pechadas de cara ao publico ata novo aviso. Unicamente se atenderán cuestións de urxencia, previa solicitude de cita. Así mesmo, manteremos a atención telefónica e telemática, cuxos contactos están publicados na sección de AVISOS desta web, a cal é importante consultar diariamente para informarvos.
 
Non obstante, dende o Concello de Ames, garantirase en todo momento a prestación dos servizos sociais e esenciais, así como a seguridade da veciñanza.
 
Imaxe da Casa do Concello