Pestanas principais

O alcalde de Ames recibe en nome do Concello a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación” 2018

Martes, 24 de setembro de 2019

O alcalde de Ames, José Miñones, recibiu de mans do ministro en funcións de Ciencia, Innovación e Universidades en funcións, Pedro Duque, a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación” de 2018. O auditorio do Palacio de Congresos de Castellón acolleu a cuarta convocatoria destes galardóns que o Ministerio concede, a través da Red Innpulso, ás cidades que destacan por promover a innovación nos seus territorios, definindo políticas e potenciando estruturas, institucións e empresas locais cun forte compoñente científico, tecnolóxico e innovador. O Concello de Ames logrou este distintivo xunto a Onda, Benidorm, Paterna, Barcelona, Castelló, Vigo e Eibar. Ames foi merecedor de tal distinción gracias á presentación do proxecto Innov@mes. O Concello pasa a formar parte así dos 72 Concellos que conforman a Red Innpulso e dos 5 de toda Galicia con Vigo, Coruña, Santiago e Riveira.

Na súa intervención, o alcalde aproveitou para agradecer ao Ministerio o galardón, así como a creación da importante Red Innpulso que lle permite aos Concellos, interesados en apostar pola innovación, establecer canles de comunicación e colaboración. Ademais destacou o traballo interdepartamental que tivo o Concello de Ames, agradecendo a todos os/as traballadores/as que colaboraron na redacción do proxecto.

Miñones destacou as características do Concello de Ames e a aposta polo sector tecnolóxico que se está a dar tanto no parque empresarial Novo Milladoiro, como nas políticas municipais con proxectos como os orzamentos abertos, a Administración electrónico ou a eficiencia enerxética, na que Ames está embarcada.

O Concello de Ames leva varios anos impulsando a innovación e o desenvolvemento de empresas innovadoras no seu termo municipal, mostrando a súa aposta por un modelo de cidade innovadora e que aposta decididamente por converterse nun polo de atracción para proxectos e empresas que queiran desenvolver a súa actividade no municipio amesán.

Dita aposta plasmouse coa presentación do proxecto Innov@mes, mediante o cal se pretende consolidar esa tendencia de emprendemento innovador convertendo o municipio amesán nun polo de constante atracción da investigación, o desenvolvemento e a innovación en todos os seus campos de funcionamento: cidadán como administración, económico como entidade promotora de espazos empresariais e industriais e tamén na súa definición como cidade sustentable que aposta polo coñecemento e a calidade de vida como proxecto de futuro.

Dende o Concello sinálase que este ambicioso proxecto, xunto co espazo colaborativo Coworking, van a supoñer unha transformación do concello e Ames xa destaca por ser un municipio punteiro no sector das novas tecnoloxías. Este logro ten un alto valor xa que permitirá seguir medrando e facer unha aposta decidida pola innovación, optando a financiamento nesta mesma liña, así como a proxectos comúns co resto de cidades.

Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación
A concesión da citada distinción permítelle ao municipio de Ames acceder á condición de membro da Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Impulso), feito que sen dúbida favorecerá a actividade que xa vén desenvolvendo de maneira importante no campo da investigación e do desenvolvemento da innovación. Ademais, servirá para dar o salto en materia de investimentos, foros sectoriais, e eventos de referencia en innovación. Deste xeito, Ames pasa a formar parte da prestixiosa Red Innpulso que abrirá as portas do Concello a un gran número de oportunidades.
 
Estas distincións premian a aquelas cidades que realizan un importante esforzo para potenciar as infraestruturas innovadoras científicas, tecnolóxicas e sociais, o que permite despexar o camiño cara a un cambio de modelo económico. Esta distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación” supón un incentivo máis para as cidades líderes que promoven investimentos en infraestruturas que redunden na sustentabilidade económica e melloren o patrón de crecemento baseado no coñecemento e a innovación. Os recoñecementos concédense atendendo a tres categorías, dependendo do número de habitantes; así, outórganse distincións para municipios de ata 20.000 habitantes; de 20.001 a 100.000; e de máis de 100.000 habitantes.

O alcalde de Ames, José Miñones, sinala “que o recoñecemento acadado supón un impulso e respaldo ás políticas iniciadas e ademais ten un valor dobre ao conseguirse a pesar de ter a Santiago ao noso carón, sendo xa Cidade da Ciencia en períodos anteriores, o cal temíamos que puidese bloquear a nosa candidatura, cousa que polo visto non sucedeu".

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames recibe el premio Ciudad de la Ciencia"

O alcalde de Ames recibe en nome do Concello a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación” 2018

Multimedia

  • O alcalde de Ames recibe en nome do Concello a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación” 2018
  • O alcalde de Ames recibe en nome do Concello a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación” 2018
  • O alcalde de Ames recibe en nome do Concello a distinción de “Ciudad de la Ciencia y la Innovación” 2018