- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, mantivo esta mañá unha reunión coa Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, na Delegación do Goberno da Coruña. Na xuntanza, na que tamén estiveron presentes o Delegado do Goberno, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo de Ames, Víctor Fernández, entregóuselle a Pardo de Vera o anteproxecto de humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro e informóuselle do proxecto que se está a elaborar para a variante na rotonda da SC-20 pola que se accede á Avenida Muíño Vello e ao polígono empresarial Novo Milladoiro.
Na xuntanza de traballo, que tivo lugar na sede da Delegación do Goberno na Coruña, trasladóuselle á Secretaria de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, o anteproxecto elaborado polo Concello de Ames co que se pretende vertebrar o núcleo do Milladoiro coa humanización da avenida Rosalía de Castro. Segundo este anteproxecto, a avenida pasaría dos catro carrís que ten actualmente a dous, creando unha mediana central verde con vexetación; ampliaríanse as as beirarrúas, construiríase unha rotonda na intersección das rúas Cruxa e Figueiras e unha semirotonda entre as rúas Magdalena e Castelao, o que permitirá o cambio de sentido que até de agora só se pode realizar nas rotonda da SC-20 ou na existente no concello de Teo.
A Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, amosou o seu interese por este anteproxecto e manifestou o compromiso de revisalo para poder elaborar o proxecto “que posibilite a construción desa obra tan necesaria para o Milladoiro”. Isabel Pardo de Vera dixo coñecer perfectamente os problemas de tráfico existentes no Milladoiro e amosouse moi receptiva con “este tipo de actuacións que permiten a eliminación de vehículos e favorecen o uso peonil”.
O alcalde de Ames, Blas García, explicoulle a Pardo de Vera que “a N-550 en todo o percorrido polo noso país so ten catro carrís no Milladoiro, e que “é unha débeda coa súa poboación crear na rúa Rosalía de Castro un espazo máis sostible que favoreza esa mobilidade peonil”. García lembrou tamén que “xa se deron pasos durante os últimos anos, como a eliminación do paso de vehículos pesados de máis de 30 toneladas, co que se conseguiu reducir o paso de case 100.000 camións ao ano”. Asemade, o alcalde de Ames dixo que “no mesmo traballo realizado recóllense novas alternativas de tráfico e unha variante xa construída que é a estrada que vai desde as Galanas ata a AG-56 en Pardiñas”. Blas García agradeceu tamén as xestións realizadas polo Delegado do Goberno, José Miñones, “as cales son de total apoio a este proxecto de humanización que el tan ben coñece”.
Acceso á Avenida Muíño Vello
Outro dos asuntos tratados na xuntanza foi a construción da variante na rotonda da SC-20 pola que se accede á Avenida Muíño Vello e ao polígono empresarial Novo Milladoiro. Para esta actuación estase a elaborar un proxecto construtivo e agárdase que para o ano 2022 se comece a construír. Cómpre salientar que esta variante facilitaría o acceso e aliviaría o tráfico nesa contorna na que habitualmente se forman atascos de saída.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Pardo de Vera ve «muy necesaria» la humanización de O Milladoiro"
El Correo Gallego: "El Concello pretende que la autovía de Brión sirva como nueva variante a Milladoiro"
AMSGO!: "O Goberno central recibe o anteproxecto para humanizar a Avenida Rosalía de Castro do Milladoiro"