Pestanas principais

O alcalde de Ames visitou as obras da rede de pluviais na Travesía de Fontaldeiro e da Agra

Martes, 21 de setembro de 2021

O pasado 30 de agosto comezaron as obras da rede de pluviais na Travesía de Fontaldeiro e da Agra. O alcalde de Ames, Blas García, visitou os traballos que ademais dunha mellora na rede de pluviais da zona inclúe a apertura dun novo tramo de vía pública. Esta obra foi adxudicada á empresa Excavaciones y Obras Marcos SL e conta cun orzamento de execución por contrata de 174.050 euros.

O alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Medio Rural, Santiago Márquez e o Técnico do ciclo integral da auga, Estebán de la Fuente achegáronse á Travesía de Fontaldeiro para coñecer o estado en que se atopan as obras.

As obras da rede de pluviais na Travesía Fontaldeiro e da Agra comezaron o pasado 30 de agosto. Esta actuación ten coma obxectivo canalizar a gran cantidade de auga que se concentra en momentos de elevada pluviosidade, podendo provocar danos no propio pavimento das rúas e nas vivendas próximas, así como situacións de perigo para a seguridade viaria.

A obra “Rede de pluviais na travesía de Fontaldeiro e da Agra” foi adxudicada á empresa Excavaciones y Obras Marcos SL, que conta cun prazo de seis meses para a súa execución. O proxecto conta cun orzamento de execución por contrata de 174.050 euros (IVE incluído).

A execución desta obra é posible grazas ao acordo firmado o día 18 de agosto do 2020 co propietario das parcelas polas que discorre parte do trazado da rede de pluviais. Ademais dito acordo e proxecto, permitirá dar continuidade a Travesía da Agra. O novo tramo de vía que se abrirá ao tráfico na Travesía da Agra contará cunha lonxitude de 100 metros e un ancho superior aos 7 metros, correspondendo a súa superficie coa cualificada polo planeamento xeral vixente coma viario público do núcleo urbano de Bertamiráns a cal comunicará as rúas Travesía de Fontaldeiro e a rúa da Fragua.

 O alcalde, Blas García, resaltou durante a visita ás obras "a dificultade desta actuación, especialmente no que se refire á canalización, xa que a tubaxe que se está a empregar é de dimensións considerables", e puxo tamén de manifesto "o esforzo económico realizado polo concello coa realización destas obras e outras que se van a acometer cos fondos do ciclo integral da auga, e polo tanto cos recursos propios do concello".

García quixo destacar, tamén, a importancia desta obra, xa que ademais de solucionar un problema coas augas pluviais na zona as cales viñan sufrindo moitos veciños e veciñas, vai a cambiar a mobilidade na zona ao quedar comunicadas a rúa da Fragua coa Travesía do Fontaldeiro.

Novas relacionadas

Revista AmesGO: "Avanzan as obras da rede de pluviais na Travesía de Fontaldeiro e da Agra"

O alcalde de Ames visitou as obras da rede de pluviais na Travesía de Fontaldeiro e da Agra

Multimedia

  • O alcalde de Ames visitou as obras da rede de pluviais na Travesía de Fontaldeiro e da Agra