Pestanas principais

O alcalde e a concelleira de Igualdade reciben as activistas Bianka Rodríguez e Marcella Hernández da asociación Comcavis Trans de El Salvador

Martes, 28 de marzo de 2023

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Igualdade, Beatriz Martínez, recibiron no salón de plenos da Casa do Concello as activistas Bianka Rodríguez e Marcella Hernández da asociación Comcavis Trans de El Salvador. Entre os días 22 e 30 de marzo están desenvolvendo unha ampla axenda de sensibilización e incidencia política sobre os dereitos das persoas LGBTI, en varias localidades galegas. A actividade está organizada por ACPP Galicia no marco do proxecto Abeirar que ten por obxecto pór de relevo o xénero e as diversidades sexuais como causa de desprazamentos forzados.

O pasado 22 de marzo comezou a xira galega das activistas transexuais de El Salvador, Bianka Rodríguez e Marcella Hernández, da organización Comcavis Trans, que ata o 30 de marzo están visitando diferentes localidades para desenvolver actividades de sensibilización nos centros de ensino, divulgación e incidencia en persoas con cargos políticos. Deste xeito, este martes 28 de marzo visitaron a Casa do Concello de Ames para manter unha xuntanza co alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Igualdade, Beatriz Martínez. Posteriormente, ás 12.50 horas, participaron nunha actividade no IES de Ames con alumnado de 3º e 4º da ESO.

O obxecto desta iniciativa é visibilizar o traballo que desenvolven na loita ante as violencias exercidas sobre a poboación LGBTI de El Salvador, con especial atención ao caso das persoas que se ven obrigadas a abandonar o seu lugar de residencia.

Esta visita está organizada pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia no marco do proxecto “Abeirar: desprazamentos e refuxio con enfoque de dereitos”, unha iniciativa que pon o foco nos desprazamentos humanos, especialmente os forzosos, e introduce unha nova perspectiva ao acoller o xénero e as diversidades sexuais como causas de desprazamentos, sumándoas a outras máis asimiladas socialmente como as guerras, os conflitos ou a pobreza.

Para falar en primeira persoa da situación que vive o colectivo LGBTI en El Salvador, contarase con dous perfís potentes e complementarios, ambos vencellados á organización Comcavis Trans, organización que traballa para promover, defender e demandar o cumprimento dos dereitos humanos das persoas LGBTIQ+ no Salvador, e á casa-refuxio Karla Avelar.

Cun perfil político, está Bianka Rodríguez, muller transfeminista defensora de Dereitos Humanos, presidenta de Comcavis Trans, que cunha ampla traxectoria internacional, foi a gañadora do premio Nansen Refugee Award e a primeira muller trans designada como Colaboradora de Alto Perfil do Alto Comisionado das Nacións Unidas polos Refuxiados. O perfil de Marcela Hernández responde ao de Asistente Técnica Comunitaria na área de Desenvolvemento Territorial e Liderado. Na actualidade traballa desde a arte en procesos de creación de espazos seguros, libres de discriminación e violencia, a través da sensibilización, empoderamento e fortalecemento de capacidades e habilidades da poboación LGBTIQ+.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Recepción no Concello de Ames a activistas do colectivo Comcavis Trans de El Salvador"

O alcalde e a concelleira de Igualdade reciben as activistas Bianka Rodríguez e Marcella Hernández da asociación Comcavis Trans de El Salvador

Multimedia

  • O alcalde e a concelleira de Igualdade reciben as activistas Bianka Rodríguez e Marcella Hernández da asociación Comcavis Trans de El Salvador