[02-08-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, realizaron esta semana unha visita institucional á planta da cooperativa Feiraco, que está situada na Ponte Maceira. Tratouse da primeira visita oficial do goberno municipal na que se reuniron co presidente de Feiraco, José Montes, e co director xeral da cooperativa, José Luís Antuña. Ademais de manter un xuntanza de traballo, as autoridade municipais asinaron no libro de visitas e visitaron a nave onde se realiza o proceso de envasado do leite.
O rexedor municipal explica que “esta primeira xuntanza serviu para falar de varios proxectos futuros que se queren levar a cabo de xeito conxunto entre ambas partes. Eu creo que tanto o Concello como Feiraco temos fortes lazos de unión que van máis alá de participar en acción puntuais. Dende o goberno municipal entendemos que esta cooperativa é unha referencia a nivel de emprego, non só para Ames senón para toda a contorna, e vamos a establecer liñas de actuación no ámbito dos servizos sociais e da promoción económica”.
Un dos proxectos nos que se podería establecer unha liña de colaboración sería na cesión de produtos lácteos para campañas de reparto de alimentos que realiza habitualmente o Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado e doutos departamentos de Servizos Sociais. Tamén se abordou a posibilidade de establecer un convenio para que o Concello poida empregar as instalación da zona de exposicións de Feiraco para realizar diversos actos culturais, e incluso, algún tipo de exposición.
Por outra banda, dende o goberno amesán explicóuselle ao presidente e ao director xeral de Feiraco que se pretende potenciar o camiño que discorre entre Santiago e Fisterra, ao seu paso polo municipio de Ames. Así, estanse barallando algunhas iniciativas para que as persoas que realicen este camiño poidan ir coñecer as instalación desta cooperativa atraídos por algún tipo de proxecto concreto que se realice en Feiraco e se utilice de reclamo como pode ser un museo do camiño.
Ademais, tanto o alcalde como a concelleira de promoción Económica pedíronlle ao presidente de Feiraco o apio da entidade que preside para os colectivos, entidades e clubs deportivos de Ames. Outros dos temas que se trataron foi a creación dunha agrupación integrada polos concellos da comarca (Ames, Brión, Negreira, Teo, Oroso, etc.) para entre todos optar ás subvencións FEDER.
Por último, dende Feiraco transmitíselle ao goberno que en breve van a comezar cos trámites de ampliación dun almacén da cooperativa, polo que en setembro quedaron en volver a reunirse para ver os pasos necesarios que hai que realizar a nivel administrativo co Concello.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El alcalde de Ames abordó en Feiraco colaboraciones con la firma lechera"
El Correo Gallego: "O alcalde de Ames visitou a planta de Feiraco na Ponte Maceira"