[08-04-2011] O Pazo da Peregrina acolleu este xoves pola tarde a recepción oficial que lle realizou o Concello de Ames aos equipos de fútbol sala alevín e infantil das Escolas Deportivas Municipais. Os equipos das Escolas Deportivas Municipais de Ames lograron proclamarse campións na fase comarcal de fútbol sala da categoría alevín e infantil tras vencer na final aos equipos do CEIP Arzúa e das Escolas Deportivas Municipais de O Pino respectivamente. Agora terán que disputar a fase provincial. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o concelleiro de Deportes, Francisco Villaverde, entregáronlle un agasallo a cada un dos rapaces para celebrar o seu éxito. Mentres os nenos fixéronlle entrega ás autoridades municipais dos trofeos ganados na fase comarcal.
O goberno municipal aposta polo deporte como vía para desenvolver unha vida saudable sen malos hábitos e para formar as persoas en valores tan importantes como poden ser a deportividade, o respecto e a tolerancia. Para iso ten en marcha un servizo de escolas deportivas no que participan máis de 800 nenos e nenas. Nas escolas deportivas impártense deportes como poden ser o fútbol sala, o baloncesto, patinaxe, tenis, predeporte, tenis de mesa, voleibol e natación. Son moitos os cativos que asisten polas tarde aos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro para practicar estes deportes. Un dos obxectivos deste servizo é iniciar aos nenos e nenas na práctica deportiva para que adquiran o hábito de realizar exercicio a miúdo.
Precisamente nestes aspectos incidiron o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o concelleiro de Deportes, Francisco Villaverde, no acto de recepción que lle realizou o Concello de Ames aos equipos de fútbol sala alevín e infantil das Escolas Deportivas Municipais, que se proclamaron campións na fase comarcal desta modalidade deportiva, despois de vencer na final aos equipos do CEIP Arzúa e das Escolas Deportivas Municipais de O Pino.
O encargado de abrir o acto foi o concelleiro de Deportes, Francisco Villaverde, que incidiu na importancia do deporte na educación de todos os nenos e nenas. "O deporte fomenta a educación integral polo tanto anímovos a que sigades practicando deporte porque moitos tedes unhas cualidades estupendas para o fútbol sala, pero outros moitos quedaredes polo camiño. Por iso é importante que sigades sempre facendo deporte. Villaverde tamén quixo darlles un consello e díxolles que "fosen sempre humildes e que sempre hai que esforzarse ao máximo para lograr o obxectivo que se persegue".
Despois da intervención do concelleiro de Deportes os nenos dos equipos alevín e infantil recibiron unha camiseta como agasallo. Ademais, os capitáns de ambos os dous equipos entregáronlle as autoridades municipais os trofeos que ganaron na fase comarcal. Tamén houbo tempo para facer unha fotografía de familia co alcalde e co concelleiro de Deportes.
O acto pechouse coa intervención do alcalde de Ames, Carlos Fernández.
O rexedor municipal doulle os correspondentes parabéns aos equipos das Escolas Deportivas Municipais e a continuación dixo que "o que se fai no servizo municipal da escolas deportivas é moi importante porque ademais de fomentar a práctica deportiva estamos formado aos rapaces e rapazas noutros valores educativos que farán de todos os nenos que hoxe estades aquí mellores persoas. Hoxe estamos neste acto para felicitarvos pola vosa vitoria na fase comarcal, pero o máis importante é a educación e a formación transversal que estades recibindo, así como os hábitos de vida saudables que estades adquirindo".
Fase comarcal
A fase comarcal na categoría alevín tivo lugar no pavillón santiagués de Quiroga Palacio. Os enfrontamentos en semifinais foron EDM Ames-EDM O Pino e CD Compañía de María-CEIP Arzúa (os 4 equipos que chegaron a esta fase quedaron primeiros de cada un dos grupos de clasificación). As EDM Ames comezou a súa participación enfrontándose á EDM O Pino, partido vibrante e disputado que se resolveu por un 6-0 para as EDM Ames.
Na final tiveron que enfrontarse o CEIP Arzúa, que venceu por un axustado 3-2 ao CD Compañía de María. Este partido careceu de historia xa que nos primeiros 5 minutos as EDM Ames sacaron da pista ao rival cun 7-0. A primeira parte rematou co resultado de 11-0. Na segunda parte os amienses aumentaron a vantaxe ata finalizar o encontro co resultado de 15-1. A formación alevín conta cos seguintes integrantes, Rafa, Miguel e Jorge Domínguez na portaría, Pablo Porrua, Luís, Ramón, Marcos, "Quitos", Luismi, Yaguito e Ivi, contando como adestradores con Sergio Penas e Alex Parada.
A competición de fútbol sala infantil tamén se disputou no pavillón santiagués de Quiroga Palacios. As semifinais foron EDM Ames-EDM Frades e Seminario Menor- EDM O Pino. As EDM Ames comezou a súa participación enfrontándose á EDM Frades, partido disputado que se resolveu por un 7-1 para as EDM Ames. Na final enfrontáronse o EDM O Pino, que venceu ao Seminario Menor. Neste encontro as EDM Ames pegaron antes e colocáronse 2-0 no marcador, chegando ao descanso con ese marcador. Na segunda parte recortaron distancias os mozos do Pino apertando o marcador a 2-1, minutos de angustiou para o amienses, pero tras estes minutos de apuro, os amienses solventaron o partido cun 5-1 a falta de 4 minutos para o final, rematando esta final comarcal cun 5-2 a favor dos amienses.
A formación infantil conta cos seguintes integrantes, Felipe na portaría, Samuel, Nacho, Denis, Méndez, Antón, Víctor, Valdés, "Coqui" e Manu, contando como adestradores con Sergio Penas e Alex Parada.