- Tematica
Este martes, 26 de novembro, o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, mantiveron unha xuntanza nas dependencias da Xunta de Galicia, en San Caetano, co Secretario Xeral Técnico de Cultura e Turismo, Manuel Vila López, e maila Directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua. En dito encontro falaron de diversos temas que tanto o alcalde como o concelleiro consideraban de relevancia.
Un dos tremas tratados foi a instalación dun miradoiro no Milladoiro, xa que dende este núcleo, ao encontrarse nunha zona elevada de aproximadamente 225 metros, pódese divisar a catedral de Santiago de Compostela. Este, pode converter este núcleo do concello de Ames nun atractivo turístico, que recuperaría así unha vista que agora mesmo xa se pode contemplar en Santiago dende o Monte do Gozo. Tamén se comunicou o interese por parte do goberno municipal da instalación doutro miradoiro no lugar da Ventosa, pertencente á parroquia de Covas.
O alcalde do Concello de Ames e o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural tamén trataron a construción dun aparcamento na aldea de Ponte Maceira (situada entre os municipios de Ames e Negreira), e a súa consideración como Ben de Interese Cultural xunto coa Ruta Rosaliana. O goberno autonómico trasladoulle ao goberno amesá que estudará dita proposta.
Ademais, conversaron sobre a súa preocupación tanto pola accesibilidade como a sinalización da ruta do Camiño de Fisterra, xa que consideran que agora mesmo pode resultar perigosa. Os representantes da Xunta de Galicia comparten esta inquietude, e mostraron a súa disposición de trasladar a cuestión ao goberno central xa que se trata dun punto importante a mellorar.
Tamén se falou da posible instalación dunha estatua, representando a un peregrino no Milladoiro. Os representantes da Xunta de Galicia mostráronse de acordo coa iniciativa.
Por parte do goberno municipal de Ames manifestas que se tratou dunha reunión cordial. Os representantes do goberno municipal amesá quedaron en trasladar máis documentación correspondente a cada unha das solicitudes para que a Xunta poida estudar mellor cada unha destas cuestións.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Piden á Xunta un parquin na Ponte Maceira e mirador para O Milladoiro"