- Tematica
Operativo e funcional. Un edificio que responda as actuais necesidades do municipio e que esteticamente manteña o vínculo co actual. Estas son as premisas sobre as que se elaborará o anteproxecto de ampliación da Casa do Concello, segundo o determinaron o alcalde, Blas García, o concelleiro de urbanismo, Víctor Fernández, e Juan Caridad, arquitecto da empresa adxudicataria do traballo, na reunión que mantiveron esta semana na praza do Concello, no mesmo espazo onde se levará a cabo a obra. Está previsto que o anteproxecto estea rematado no primeiro semestre do ano 2022. O traballo servirá tamén para comezar a buscar o financiamento que, dado o montante económico da obra, cifrado nunha primeira estimación nun millón e medio de euros, terá que contar co apoio doutras administracións.
En menos de 20 anos, a poboación de Ames duplicouse até acadar os preto de 33.000 habitantes censados. Ás necesidades de servizos que este crecemento, o máis elevado de toda a Comunidade Autónoma, demanda, e que durante os últimos anos tiveron resposta na posta en marcha de novas infraestruturas e programas, súmase agora a continxencia de que a Casa do Concello quédase pequena para atender a actual xestión municipal e ás esixencias que require a atención á cidadanía.
“Continuamente temos que estar alugando espazos porque o actual ritmo de traballo e a atención que debemos prestar á veciñanza nolo esixen e a Casa do Concello quedouse pequena para responder a esta nova demanda”, manifesta o alcalde Blas García, ao tempo que declara que o novo edificio debe de ser “útil, operativo e funcional e debe dar resposta ás necesidades da cidadanía e ao estilo que implican as novas realidades laborais, co teletraballo incluído que chegou para quedarse”.
Recentemente, foi aprobado en Xunta de Goberno, a adxudicación do anteproxecto da ampliación da actual Casa do Concello, á OAU “Oficina de Arquitectura, Urbanismo e Planificación”, empresa radicada en Ames e que foi galardoada recentemente co “Premio Galicia de Rehabilitación”.
“Que mellor motivación para un arquitecto que proxectar a Casa do Concello do seu Concello?”, manifesta o arquitecto Juan Caridad, ao tempo que declara que tamén é un reto “por xogar na casa e por facer a mellor arquitectura para as xentes de Ames”, e que a pretensión do seu equipo é a de “crear edificio contemporáneo, que responda as necesidades actuais pero que tamén sexa un edificio sensato que, mellorando as condicións, respecte e conviva ben co que xa existe”. Caridad di que o seu papel nesta xuntanza é o de escoitar: “escoitar á xente e escoitar á praza”.
Ideas sobre o novo edificio
Un edificio de tres plantas, abeirado á actual Casa do Concello e que se alongue case até a beirarrúa da rúa alcalde Lorenzo. Un salón de plenos semicircular e espazoso, que serva tamén para outro tipo de xuntanzas. Espazos para os traballadores abertos e diáfanos, vinculados aos novos estilos laborais e ao concepto de medios compartidos que implica o teletraballo. Lugares onde as persoas que van a facer trámites ao concello poidan agardar con comodidade. Elementos modernos, como o vidro e o aceiro, que ao mesmo tempo utilicen a pedra e unan esteticamente o novo e o vello edificio. Estas son algunhas das ideas que o alcalde, o concelleiro e o arquitecto apuntaron no transcurso da reunión.
Financiamento
A elaboración do anteproxecto que, após da reunión mantida esta semana, prevese estea finalizada no primeiro semestre do ano 2022, servirá tamén para trazar as liñas de actuación cara a procura das axudas económicas necesarias para levar a cabo a obra.
“Esta xuntanza sérvenos tamén para comezar a valorar o montante económico do que teremos que dispor para a execución do proxecto; calculamos que a obra podería rondar o millón e medio de euros e esa cantidade, evidentemente non pode afrontala en solitario o concello de Ames”, declara o alcalde, Blas García, quen tamén matiza que buscarán a colaboración doutras administracións “especialmente da Deputación Provincial de A Coruña e da Xunta de Galicia”. O alcalde lembra que “hai xa uns meses, nunha conversa co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, este dixo que podería ser factible que a Xunta colaborase, sempre que se tratase dun convenio entre as tres administracións”.
Pola súa banda, Víctor Fernández, que ademais de concelleiro de Urbanismo é concelleiro de Persoal, salienta a necesidade da ampliación na funcionalidade que esta pode aportar ao traballo diario do concello e na adaptación aos novos tempos e estilos de traballo: “O actual edificio do Concello foi concibido para unha poboación moito menor que a que hoxe temos en Ames e polo tanto para un número moito más exiguo de departamentos e traballadores; o volume actual de traballo, de persoal e de demandas cidadás non ten nada que ver co de entón, por iso é tan necesaria esta ampliación e por iso queremos que o edificio sexa funcional e dea resposta á nova situación e ás novas demandas que esixen a tanto a operatividade do labor municipal como á atención que debemos prestar á cidadanía”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Amplían un concello que se quedó chico de más para 33.000 vecinos"
La Voz de Galicia: "La ampliación de la consistorial de Bertamiráns costará sobre 1,5 millones"