Pestanas principais

O alcalde envíalle unha carta ao conselleiro de Sanidade solicitando unha xuntanza para abordar a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns

Xoves, 19 de xaneiro de 2023

O alcalde de Ames, Blas García, enviou esta mesma mañá unha carta dirixida ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para solicitarlle unha xuntanza co obxectivo de abordar a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns que na actualidade atende a máis de 15.500 pacientes. Dito ambulatorio foi construído en 1991 e necesita ser ampliado debido á gran cantidade de usuarios/as que atende diariamente. 

O centro de saúde de Bertamiráns atende a 15.671 pacientes de Ames e da súa contorna. Este ambulatorio foi construído en 1991 e recentemente no ano 2021 a Xunta de Galicia realizou obras, nas que se investiron 300.000 euros, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do edificio e mellorar as dependencias do centro.

Unha vez rematadas ditas obras, en outubro de 2021 realizouse unha visita ao centro de saúde, na cal o alcalde de Ames, aproveitou para pedirlle ao delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns e comprometeuse a axilizar os trámites para a cesión do terreo de titularidade municipal onde se vai a construír.

Agora, o rexedor municipal vén de enviarlle unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para solicitarlle unha xuntanza co obxectivo de abordar a ampliación de dito centro de saúde. Segundo indican dende a Alcaldía “nesta ocasión comunícome con vostede para trasladarlle o noso interese en manter unha xuntanza na que poidamos abordar un asunto relevante para o noso municipio e concretamente para a veciñanza do núcleo de Bertamiráns e os seus arredores”.

O alcalde, Blas García, indica na carta enviada ao conselleiro de Sanidade “como coñece, e xa tiven oportunidade de trasladar noutras ocasións a diferentes responsables da administración autonómica e a vostede mesmo, é totalmente necesario que canto antes se comece a traballar na ampliación do centro de saúde de Bertamiráns, que na actualidade atende a mais de 15.500 doentes, parte deles de puntos diferentes ao noso municipio, polo que o edificio actual non cumpre coas necesidades que reclaman os usuarios e usuarias. Ademais, conta con diferentes problemas estruturais e de reparto de espazos, que ocasionan incluso que a súa planta superior non sexa accesible”.

Ademais lembra que “no seu momento, a través dunha xuntanza por videoconferencia co conselleiro pediramos a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns, para o que por sorte contamos cun espazo de titularidade municipal ao lado, polo cal será moito máis doado facer esa cesión do terreo ao SERGAS”.

Dende o Concello de Ames xa se iniciaron os trámite para proceder á cesión dos terreos que son necesarios para dita ampliación. Agora tan só falta poder concretar os pasos que hai que dar entre as Administracións autonómica e local, para facer realidade esta importante necesidade.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Blas Garcías solicita a la Xunta la ampliación del centro de salud de Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Reclaman por escrito la ampliación del centro de salud de Bertamiráns"

Enfoques: "El alcalde de Ames pide una reunión a Sanidade para tratar la ampliación del centro de salud de Bertamiráns"

Imaxe do centro de saúde de Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe do centro de saúde de Bertamiráns