Pestanas principais

O alcalde reúnese cos responsables do Ministerio do programa Europeo de fondos FEDER para coñecer a valoración da convocatoria DUSI

Sábado, 22 de outubro de 2016

[22-10-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, xunto co técnico de desenvolvemento local e o responsable da consultora que levou a cabo o desenvolvemento da convocatoria, estiveron a pasada semana en Madrid para reunirse coa responsable da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións públicas. Esta reunión, que foi solicitada polo Concello de Ames unha vez coñecida a resolución da convocatoria DUSI de fondos FEDER e na que Ames non obtivo financiamento, tivo lugar o pasado martes nas oficinas do Ministerio. O Concello de Ames quedou a 1,5 puntos de obter a subvención cunha estratexia ben valorada no ámbito de aplicación e implementación.

O rexedor municipal quería coñecer de primeira man o resultado da avaliación da convocatoria e ver en que puntos había capacidade de mellora, así como saber si a estratexia presentada por Ames tiña erros que levaran a un novo plantexamento para a segunda convocatoria. A responsable do programa DUSI trasladoulle ao Concello tranquilidade ante a nota final acadada por Ames que foi de 58,75 puntos fronte aos 60,25 que acadou o último Concello que conseguiu financiamento, tan só 1,5 puntos máis que a estratexia de Ames. Dende o Ministerio destacouse o alto nivel acadado polas iniciativas de Galicia, feito que xa fora indicado na reunión do pasado mes de xuño en Ferrol sobre o financiamento europeo.

No repaso dos diferentes bloques o Concello de Ames acadou unha nota destacable no bloque de maior puntuación, o bloque 5 con 30 puntos, no que Ames acadou 21 puntos. Este bloque valora o plan de implementación da estratexia valorada, de xeito que o Concello obtivo en cada subapartado as mellores valoracións. Ademais no bloque de delimitación do ámbito de aplicación da estratexia Ames tamén acadou o 70% da nota, feito que sinalou a responsable do Ministerio recomendando manter estes aspectos que son os de maior volume de traballo.

Dos 10 apartados que consta a valoración da estratexia o Concello acadou en 6 deles unha nota de 6 ou superior, sendo o proxecto ben valorado pola comisión de valoración. De aí que dende o Ministerio lle recomende ao Concello volver a presentar o mesmo proxecto facendo maior fincapé na toma de datos, participación e xustificación cos criterios transversais plantexados. Tanto para o Concello como para a consultora EOSA o feito de non acadar a puntuación de corte debeuse principalmente á valoración do apartado 1 sobre a Identificación inicial de problemas. Neste apartado o Concello acadou unha nota de 3 puntos sobre 10, sendo clave no resultado final. Neste apartado valóranse os coñecementos dispoñibles e as experiencias previas, así como os activos e recursos dispoñibles. Dende a consultora e o Concello sinálase que dito traballo de identificación estivo realizado pola mesma empresa e persoa que fixo os de outros Concellos que si tiveron financiamento e boa valoración neste apartado.

Segunda convocatoria
O Concello de Ames xa anunciou que se presentaría á segunda convocatoria xa aberta, pero logo da visita ao Ministerio ten moito máis claro que así o fará xa que o traballo máis complicado de xustificación, desenvolvemento e implementación da estratexia está feito e ben valorado. Coñecendo agora os puntos onde o proxecto ten menor valoración tratarase de reorganizar e redefinir a presentación desta información que na maioría dos casos basease en saber poñer sobre o papel o que o Concello xa coñece.

Nesta segunda convocatoria haberá 36 millóns de euros para repartir entre os Concellos que presenten proxecto. Os Concellos que xa foron á primeira convocatoria teñen anunciado o seu propósito de ir a esta segunda. Así Ferrol, Coruña, Ourense, Carballo e Ames terán que disputar este financiamento xunto aos Concellos que decidan acudir agora por primeira vez, xa que se trata dunha convocatoria de concorrencia competitiva e aberta. Tanto Ferrol, como Coruña e Ourense disputan un financiamento de 15 millóns de euros, fronte a Carballo e Ames que o fan sobre 5 millóns. Debido a que o financiamento de 36 millóns non pode chegar para todos os Concellos, dende Ames quérese ser precavido a pesares de ter mellor puntuación nesta primeira fase que todos os Concellos que concorreron a excepción de Ferrol.

O rexedor municipal, José Miñones, informa que “para Ames este financiamento é moi importante, e de aí que dende esta semana xa esteamos traballando na mellora do proxecto a presentar e no que esperamos que se valore acorde á calidade da estratexia. Creemos que a nosa capacidade de mellora é maior a doutros Concellos e tan só esperamos que non se valore sobre a base de cidades grandes ou pequenas”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El alcalde de Ames redefine el proyecto para lograr los fondos de la UE para sostenibilidad"
El Correo Gallego: "Ames insistirá para lograr 5 millones de fondos europeos"