Pestanas principais

O alcalde reúnese cun representante da cidade senegalesa de Saint-Louis para falar dunha futura irmandade coa vila de Gandon

Mércores, 28 de setembro de 2022

O alcalde de Ames, Blas García, mantivo esta mañá unha xuntanza con Abou Dembel Sow, representante da cidade senegalesa de Saint-Louis, co fin de tratar sobre unha posible irmandade entre o Concello de Ames e Gandon, unha das localidades do departamento de Saint-Louis, no que viven arredor de 250.000 persoas. Trátase dunha área situada no noroeste do país africano, ao carón do río Senegal, e que conta cunha vila histórica, a Illa de Saint-Louis, recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO dende o ano 2000.

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá unha reunión entre o alcalde de Ames, Blas García, e Abou Dembel Sow, representante de relacións públicas e asuntos comunitarios para a cooperación internacional de Saint-Louis, cidade senegalesa e capital dun departamento e dunha rexión homónimas.

A xuntanza, parte dunha serie de visitas realizadas pola representación da cidade, serviu para debater sobre unha posible irmandade de Ames con Gandon, unha das vilas que compón o departamento de Saint-Louis, no que residen arredor dun cuarto de millón de persoas. Trátase dunha zona fronteiriza con Mauritania, no norte do país, bañada pola desembocadura do río Senegal.

O núcleo máis importante do departamento é a cidade de Saint-Louis, que conta con universidade propia e unha importante actividade cultural e turística, na que destaca a súa vila histórica, situada na Illa de Saint-Louis, e recoñecida como Patrimonio Mundial pola UNESCO dende o ano 2000. Ademais, a nivel económico a cidade conta cunha importante actividade pesqueira.

O alcalde de Ames, Blas García, sinala que “dende o Concello vamos a traballar para tratar de facer un irmandamento con Gandon, tal e como se recolle no regulamento de títulos, honras e distincións do Concello de Ames, que foi recentemente aprobado polo pleno da Corporación municipal. Tal e como se recolle en dito regulamento o obxectivo de dita irmandade será estimular a realización de proxectos que supoñan o intercambio de coñecementos, tecnoloxías, arte e cultura, así como crear redes de cooperación para o desenvolvemento de boas prácticas, o intercambio de experiencias e a análise e proposta de solucións en temas concretos de interese común”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Avanzan en el hermanamiento de la capital maiana y Gandon, en Senegal"

AMSGO!: "O Concello estuda unha futura irmandade con Gandon (Senegal)"

Xuntanza con Abou Dembel Sow

Multimedia

  • Xuntanza con Abou Dembel Sow