Pestanas principais

O alumnado de 5º de Primaria do Colexio de Ventín reflectiu a través de fotografías propias o significado da poesía rosaliana

Luns, 01 de marzo de 2021

Que che inspiran estas verbas de Rosalía? Uns poucos versos, unha pregunta e a suxestión de facer unha foto baseada nas palabras da poeta, conforman as bases do 1ª Certame Ilustrado “Rosalía de Castro” co que o alumnado de 5º de Primaria do CEIP de Ventín homenaxeou este ano á autora de Follas Novas. O resultado, un cento de fotografías nas que aparecen “ríos, prados, arboredas” e moitos outros elementos da iconografía rosaliana.  Por outra banda, o equipo de Bibliotecas do mesmo colexio, xunto co equipo de Dinamización Lingüística, convidaron á rapazada e ás familias a gravar vídeos recitando a Rosalía. Todos estes traballos pódense ver na Xanela de Ventín,  o blog deste centro educativo.

A iniciativa do “1ª Certame Ilustrado “Rosalía de Castro” partiu de Héctor , o titor de 5º B e a ela sumáronse Marta, Belén, Carina e Bea, ás outras titoras de 5º. Tratábase de entregar aos nenos e as nenas versos de Rosalía e de que eles, en base ao que lles inspirasen, facer fotografías. Aparecen, como non podía ser doutro xeito, moitos elementos da natureza presentes na obra de Rosalía. Abondan as flores, as árbores e os ríos. Porén tamén hai campanarios, camiños, lavadoiros, “negras sombras” proxectadas sobre chans de pedra e camposantos. Houbo quen montou pequenas escenografías con bonecos de plástico, quen vestiu á súa irmá pequena de paisana dos tempos de Rosalía para abeirarlle despois unha cesta de ovos e quen se converteu en actriz e botou bagoas nun pano branco diante das campás da egrexia de Bastavales. Todo un prodixio de arte e creatividade.

As fotografías están expostas no corredor do colexio e permanecerán para a lembranza nun vídeo que se pode ver no blog A Xanela de Ventín. A titora de 5º D, Carina González Puga, no nome do resto dos seus compañeiros e compañeiras quere agradecer ás familias a colaboración prestada para este proxecto: “Agradecemos profundamente ás familias que apoiasen aos seus fillos e as súas fillas para realizar este traballo, máximo cando estabamos en pleno temporal, o que dificultaba moito a realización de fotos no exterior; aínda así os papás e as mamás apoiaron en todo momento aos seus fillos e fillas e son moitas as fotos feitas en paraxes naturais”.

O pasado venres entregáronse os premios, un á mellor foto de todas e tres máis por cada unha das cinco aulas de 5º que formaron parte do proxecto. Ademais a todos os rapaces e as rapazas que participaron entregóuselles un adhesivo conmemorativo da data. De xurado fixeron Natalia, a profe de inglés, e Ana, a de Educación Física.

Por outra banda, o equipo de Bibliotecas do mesmo colexio, xunto co equipo de Dinamización Lingüística, convidaron á rapazada e ás familias a gravar vídeos recitando a Rosalía. Esta proposta aínda está aberta e calquera rapaz ou rapaza que o desexe pode gravarse recitando a Rosalía. Pode facelo en solitario ou en compañía da familia ou dos amigos e as amigas. Logo a gravación poderá verse na Xanela de Ventín, o blog que conta o que acontece neste cole do Milladoiro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Alumnos de Ventín poñen imaxe ós versos de Rosalía"

Compostela 24horas: "O alumnado de 5º de Primaria do Colexio de Ventín reflectiu a través de fotografías propias o significado da poesía rosaliana"

Ventín Certame Ilustrado Rosalía de Castro

Multimedia

  • Ventín Certame Ilustrado Rosalía de Castro
  • Ventín Certame Ilustrado Rosalía de Castro
  • Ventín Certame Ilustrado Rosalía de Castro
  • Ventín Certame Ilustrado Rosalía de Castro
  • Ventín Certame Ilustrado Rosalía de Castro
  • Ventín Certame Ilustrado Rosalía de Castro