Pestanas principais

O alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Barouta presenta este venres o libro “Universo Inverso”

Xoves, 07 de marzo de 2024

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá mañá, 8 de marzo, a presentación do libro “Universo Inverso” ás 19:00 horas. Trátase dun libro de haikus que foi creado integramente polo alumnado de 6º de primaria do CEIP de Barouta, desde a redacción dos textos ás ilustracións. Durante o acto, presentado por Belén Xestal, 25 alumnas e alumnos recitarán algúns dos haikus que compoñen o libro acompañados de música en directo e de intérpretes en lingua de signos. Ademais, contarase coa actuación do grupo de danza GoPra Performance.

Mañá venres, 8 de marzo, ás 19:00 horas, o alumnado de 6º de primaria do CEIP de Barouta presentará no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o libro “Universo Inverso”, unha colección de haikus creados polos propios alumnos e alumnas. Polo momento, o libro non estará dispoñible en librerías, pero poderá adquirirse durante a presentación ou chamando ao centro escolar para encargar algún exemplar.

“Universo Inverso”: un proxecto nado na aula
Este proxecto naceu na clase, da man da profesora Oliva Vergara, quen explica que “iamos traballar a poesía cun proxecto anual, e comezamos cos haikus, que é un dos formatos máis sinxelos”. Os haikus son poemas de orixe xaponesa formados por tres versos de cinco, sete e cinco sílabas respectivamente, o que os converteu nunha “forma accesible de traballar a poesía na aula e de que os rapaces entenderan que son capaces de escribir e de expresarse”.  

Trátase dun libro elaborado integramente polo alumnado, que participou en todas as etapas do proxecto. Oliva Vergara, profesora e impulsora do proxecto, destaca que “é un libro de todos e todas. Empezamos con composicións individuais, despois por parellas, logo en pequenos grupos, e o traballo final foi de toda a clase, para afinar as composicións para a súa publicación”. Tamén explica que o único que non fixeron os nenos e nenas foi a portada, que se lle encargou a unha ilustradora externa “para que  ningún alumno/a tivera máis protagonismo, para que de verdade fora un proxecto de grupo”.

Irene, unha das alumnas que formou parte desta iniciativa, sinala que “ao principio non pensamos que fose posible que publicásemos un libro, pero despois, co traballo, vimos que era algo real”. Nesta mesma liña tamén se expresa Xoel, outro dos alumnos implicados, que di sentirse “moi orgulloso” porque “non todos os coles poden dicir que crearon un libro como o noso”.

En canto ao título “Universo Inverso”, a profesora Oliva Vergara explícao do seguinte xeito: “A mensaxe final do libro é que queremos un mundo mellor, máis igualitario e máis xusto, e a poesía é a compañeira ideal para iso. Por iso reflectimos un universo inverso, ao revés daquel no que vivimos, onde non haxa que estar en loita, con igualdade,  respecto e convivencia pacífica”.

Unha iniciativa transversal
Aínda que comezou como un proxecto escolar, foi máis alá do currículo académico e converteuse nunha ferramenta de expresión do alumnado. Así o explica Irene, alumna integrante desta iniciativa, que destaca que “cos haikus podía liberar os meus problemas neses versos pequenos”. Tamén Xoel, outro dos alumnos participantes, comparte esta opinión: “Este proxecto serviume para liberarme; non ten nada que ver co ritmo, coa metáfora ou coa métrica, é máis para expresar o que sentes, o que queres que desapareza. É como crear un novo mundo a partir do teu mundo interior”.

O director do CEIP de Barouta, Alonso Caxade, sinala que a creación deste libro “foi un proxecto transversal, onde se traballou a literatura, a natureza, as emocións... pero tamén outras moitas áreas”. Porén, tamén está moi ligado á esencia do propio centro: “está moi conectado co ADN de Barouta. Reflicte a forma que temos no colexio de entender a educación”.

Portada do libro "Universo Inverso"

Multimedia

  • Cartaz da presentación do libro "Universo Inverso"
  • O director do CEIP de Barouta, Alonso Caxade; a profesora Oliva Vergara; e dous dos integrantes do proxecto, Irene e Xoel.
  • O alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Barouta presenta este venres o libro “Universo Inverso”
  • O alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Barouta presenta este venres o libro “Universo Inverso”
  • O alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Barouta presenta este venres o libro “Universo Inverso”
  • O alumnado de 6º de Primaria do CEIP de Barouta presenta este venres o libro “Universo Inverso”