Pestanas principais

O alumnado de EMMA realiza esta semana unha serie de audicións previas ao concerto de Entroido do venres

Martes, 26 de febreiro de 2019

[26-02-2019] O edificio multiusos de Aldeanova acolle esta semana unha audición de canto e outra de piano para que o alumnado da EMMA poida amosar ás súas familias e amizades o traballo desenvolvido e os avances conseguidos dende o inicio do curso. Asemade, o venres terá lugar o tradicional concerto de Entroido da Escola na Casa da Cultura do Milladoiro. A partir das 19.30h, os alumnos e alumnas ofrecerán un variado repertorio que vai dende clásicos pop ata música clásica e bandas sonoras.

A Escola Municipal de Música de Ames quenta motores para o concerto de Carnaval coa realización de dúas audicións, nas que os alumnos e alumnas da escola mostrarán ante os asistentes todos os avances realizados dende o comezo do curso. Así, a primeira destas sesións terá lugar hoxe, martes 26 de febreiro, ás 18.30h na aula 10 do edificio multiusos de Aldeanova.

Durante a velada, os estudantes de canto interpretarán un total de 18 pezas musicais individuais e un combo de voces final interpretado por oitos rapaces e rapazas. Entre o amplo repertorio que se poderá escoitar haberá, entre outras, cancións clásicas do repertorio pop en castelán como Clavado en un bar de Maná, Son mis amigos de Amaral ou Besaré el suelo otra vez de Luz Casal; e pezas contemporáneas como Feel it still de Portugal the man, I’m a mess de Bebe Rehxa.

O xoves, por outra banda, terá lugar unha segunda audición a partir das 17.00h na aula 7 do mesmo edificio. Nesta ocasión, o protagonista será o piano, no que unha vintena de alumnos e alumnas da escola tocarán unha serie de cancións de diversos estilos e épocas.

A EMMA celebra o Entroido con moita música
Para rematar a semana, a EMMA ofrecerá o seu clásico concerto de Entroido, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro a partir das 19.30h. Así, os encargados de darlle a benvida aos asistentes será os cativos e cativas de Música e Movemento, que interpretarán a peza A camiño de Viseu. Após a súa actuación, tocaralle a quenda ás e aos estudantes de violín, que interpretarán O rei León e Pocahontas.

De seguido, a orquestra de frautas encargarase de interpretar as pezas Harry Potter de John Williams, Rhumbolero de John Caponegro, Trío Purcell e Dúo Napolitano; tralo que será a quenda dos estudantes de saxofón, que deleitarán aos presentes coa interpretación de Soldier´s March de Shumman e Yankee Doodle. Os seguintes en actuar serán as guitarras, que interpretarán a peza Minuet de Anna Magdalena Bach.

A continuación, o coro da escola poralle voz ao número Coro de escravos, extraído da traxedia lírica Nabucco, composta por Verdi. Despois desta interpretación, será o momento dos mozos e mozas de canto, que cantarán as pezas Mano a mano de Yo soy Luna, Universo sobre mi de Amaral, We don´t talk anymore de Charlie Puth e La llave de Pablo Alborán e Piso 21.

Por outra banda, o combo voces-canto interpretará os clásicos pop Mamma mía de ABBA e Stand by me de Been E. King. Despois, o alumnado de percusión interpretará Sonatina de Muzio Clementi e Tempo de Amury Quintero. Finalmente, os encargados de clausurar o evento será o combo adultos, que interpretará as pezas pop Counting stars e Clavado en un bar. A entrada para asistir ao concerto é gratuíta ata completar aforo, polo que a EMMA convídase a asistir a toda a veciñanza interesada.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "A EMMA quenta motores para o concerto de Entroido do venres"