Pestanas principais

O alumnado de O Bosque adica o mes de marzo aos alimentos

Mércores, 06 de abril de 2016

[06-04-2016] No mes de marzo, os nenos e nenas da escola infantil municipal O Bosque traballaron, xunto coas educadoras e o persoal do centro, o tema dos alimentos. Deste xeito, nenos e nenas manipularon distintos tipos de alimentos e prepararon coas súas familias unha receita. Ademais, os grupos de 1 a 2 anos fixeron unha excursión ao supermercado Mercadona para facer a súa propia compra.


Ao longo da primeira quincena do mes de marzo as nenas e nenos experimentaron con distintos alimentos, tanto crus coma cociñados. Pequenos e pequenas probáronos, manipuláronos, cheiráronos... sempre baixo a atenta mirada das mestras. Alimentos como a pasta, o azucre, o sal, o pan relado ou a froita foron obxecto da súa curiosidade.

Na segunda quincena do mes de marzo a escola convidou ás familias do alumnado a visitar as aulas dos seus fillos e fillas. Durante a visita cociñaron entre todos unha receita sinxela. Ademais os grupos de nenos/as de 1 a 2 anos fixeron unha saída ao supermercado Mercadona, para comprobar por si mesmos onde se mercaban os alimentos que despois manipularían, e poder mercar algúns dos ingredientes que posteriormente empregaron na elaboración dunha receita.

Antes de dar comezo as actividades de marzo as mestras do centro puxéronse en contacto coa nutricionista municipal, para asegurarse de que os nenos e nenas con alerxias ou intolerancias puideron participar en todas as actividades.

As escolas infantís municipais de Ames fan moitas actividades lúdicas durante o ano nas que os nenos e nenas ademais de divertirse, se educan en valores e aprenden novas cousas sobre o mundo que os rodea. Nesta ocasión o alumnado desta escola infantil municipal puido coñecer máis a fondo o mundo dos alimentos.