Pestanas principais

O alumnado do CEIP Agro do Muíño estrea a nova sede da Aula da Natureza

Mércores, 06 de abril de 2011

[06-04-2011] Este 2011 está catalogado pola ONU como Ano Internacional da Química e Ano Internacional dos Bosques. A Aula da Natureza non podería deixar escapar esta conmemoración para ensinarlle aos nenos e nenas de Ames máis sobre ambos. Así levará cabo unha serie de actividades propostas aos centros educativos amienses que procuran concienciar os nenos e nenas do concello arredor dos problemas do medio ambiente. Entre estas actividades está o obradoiro "Pequenos científicos", que terá lugar os días 5, 7 e 12 de abril e que achegará a un total de 150 nenos/as, divididos en seis grupos de 3º, 4º e 5º de primaria do CEIP Agro do Muíño, ao mundo da química con sinxelos experimentos. A concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, asistiu hoxe pola mañá ata a Aula da Natureza para ver como se desenvolvía este obradoiro e saudar a todos os nenos/as amienses que participan neste obradoiro.

O Concello de Ames súmase aos esforzos de sensibilización sobre os problemas da natureza que promove a declaración por parte da ONU deste 2011 como Ano Internacional da Química e Ano Internacional dos Bosques. A través da Aula da Natureza levaranse a cabo unha serie de actividades propostas aos centros educativos amienses para tentar concienciar os nenos e nenas do concello arredor dos problemas do medio ambiente e familiarizalos co mundo da química e dos bosques. Unha destas iniciativas é o obradoiro "Pequenos científicos", unha actividade que achegará a rapaces e rapazas de primaria do CEIP Agro do Muíño ao fascinante mundo da química por medio de sinxelos experimentos.

A actividade realizarase os días 5, 7 e 12 de abril e nela participan un total de 150 nenos e nenas que acudirán a Aula da Natureza divididos en seis grupos. Así, asistirán dous grupos por día. En "Pequenos científicos" participarán nenos e nenas de 3º, 4º e 5º de primaria do CEIP Agro do Muíño. Os nenos repartiranse en diversos grupos, e cada un deles levará o nome dun elemento químico, como poden ser o osíxeno e o nitróxeno. A primeira actividade, de cara a familiarizalos co emprego da táboa periódica dos elementos, é procurar nesta o elemento cuxo nome leva cada grupo.

A continuación comezarase coa experimentación propiamente dita. Este será un exercicio sinxelo pero moi ilusiónante para os pequenos: escribir unha mensaxe nun papel con tinta invisible composta por zume de limón. O contido das mensaxes poderá verse achegando as notas á calor e a luz dunha vela. Ademais, analizarase a composición multicolor da tinta negra, outra actividade que gustará moito aos cativos. Para observar as cores, introducirase un anaco de papel de filtro cunha raia de tinta negra nun vaso cuxo fondo conterá alcol, e conforme este vaia disolvendo a tinta arrastrará cara arriba os diversos pigmentos de múltiples cores. Deste xeito faise sinxelo comprobar o análise da cromatoloxía, moi empregado en multitude de aspectos de laboratorio e análise médica.

Por último, os rapaces participantes diferenciarán o grao de acidez dunha substancia axudados polo caldo da lombarda (ao que se engadirán diferentes elementos, de máis acedo a máis básico: zume de vinagre e de limón, laranxa, xabón e lixivia). Deste xeito o caldo azul irá cambiando de cor de vermello a amarelo dependendo da acidez, pasando por azul e verde, e irase constatando o cambio de acidez.

Programación de actividades

Con estas actividades os pequenos achegaranse ao mundo da química de primeira man, pero non serán as únicas. Dentro das actividades que xa se realizaron por parte da Aula da Natureza está 'A enerxía de cada día', pensada coma un conto de educación ambiental con actividades e un xogo informático, 'Os sostibles', editado polo INEGA. Os destinatarios desta actividade foron os nenos e nenas de 3 a 6 anos da Escola Unitaria Covas. O alumnado deste centro de ensino recibiron unha amena charla a través da cal pretendíase inculcarlles dun xeito divertido e ao mesmo tempo moi didáctico diversas cuestións relacionadas coa enerxía, o tema desta primeira actividade.

Cómpre lembrar que esta actividades segue aberta para todos os centros de ensino que queiran participan nela. Tan só teñen que poñerse en contacto co departamento de medio Ambiente chamando ao Concello. Deste xeito, a Aula da Natureza aproveita o seu novo espazo físico, inaugurado o pasado día 20 de marzo, para levar a cabo unha serie de actividades propias coas que dar a coñecer entre os máis novos do concello tanto a propia aula como diversos elementos da natureza. As actividades están dirixidas tanto á poboación en xeral como aos nenos e nenas que cursan os seus estudios nos centros de ensino amienses.

A concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, destacou que para ela "foi unha grande satisfacción e alegría ver por fin a Aula da Natureza chea de nenos e nenas, que son un dos seus principais destinatarios, ademais de ver as súas expresións de sorpresa cos experimentos que se realizaron durante toda a mañá".

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los alumnos del Agro do Muíño estrenan el Aula da Natureza"
La Voz de Galicia: "Los alumnos del Agro do Muíño estrenan el Aula da Natureza"
La Voz de Galicia: "Los alumnos del Agro do Muíño estrenan el Aula da Natureza"