Pestanas principais

O alumnado do CEP de Ventín e do CEIP de Barouta despiden o curso con xogos, exhibicións e inchables

Sábado, 15 de xuño de 2013

[15-06-2013] Este sábado, 15 de xuño, o CEP de Ventín e o CEIP de Barouta celebraron os seus correspondentes festivais de fin de curso. Os nenos e nenas destes centros escolares puideron participar en diferentes xogos, divertirse nos inchables e realizar exhibicións. Os festivais estiveron organizados polas ANPAS dos centros de ensino en colaboración cos propios centros. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, estiveron nos festivais.

Estase achegando o verán e os centros de ensino amienses xa están celebrando os seus tradicionais festivais de final de curso. A ANPA As Brañas, en colaboración co CEP de Ventín, celebrou o “Día da familia” con amplo abano de actividades. Dende as 11:00 h ata ás 20:00 horas máis de 50 familias participaron nas actividades que se desenvolveron neste centro de ensino. Pola mañá houbo exhibicións de judo, música, baile moderno, debuxo e teatro. Ademais, realizouse unha exhibición de ciencia denominada “Diverciencia”. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, participou na entrega de diplomas que se realizou pola mañá. A este festival tamén asistiu o concelleiro do grupo municipal socialista, Francisco Doval, e os concelleiros/as non adscritos, Ames Novo, Susana Mayo e Anxo Doval. 

Ao mediodía fíxose unha parada para comer na carballeira do CEP de Ventín. Xa pola tarde realizáronse os tradicionais campionatos de chave e de petanca. Tamén houbo a chamada “guerra de sexos”, na que tanto pais/nais coma alumnos/as xogaron ao brilé en equipo. A xornada rematou coa tradicional “tómbola de Ventín”, na que se sortearon diferentes agasallos cedidos por empresas do Milladoiro. Durante todo o día o alumado de 5º de primaria vendeu rifas para poder participar no sorteo da “tómbola de Ventín”. O diñeiro recadado a través da venta de rifas e da cantina instalada na zona de xogos do CEP de Ventín é para a excursión a Cantabria, que realizarán o vindeiro curso cando estean en 6º de Primaria. Durante todo o día os rapaces e rapazas do CEP de Ventín tiveron inchables instalados na zona de xogos do centro de ensino.

Festival no CEIP de Barouta
O CEIP de Barouta tamén realizou o seu festival de fin de curso este sábado. Este evento estivo organizado pola ANPA San Mauro en colaboración co centro de ensino. Neste caso as actividades desenvolvéronse pola tarde nas instalacións do colexio. Houbo exhibicións de judo, patinaxe e inchables para que os nenos/as se divertisen. A media tarde fíxose unha merenda para repoñer forzas. Ás 19:00 horas realizouse a entrega de diplomas e premios do concurso de debuxo.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, entregaron os diplomas de graduación e os premios do concurso de debuxo. Este concurso organízase todos os anos. No xurado deste concurso entre outras persoas estiveron o alcalde de Ames e o concelleiro de Educación. En Educación Primaria recibiron premio os tres primeiros clasificados de cada clase, mentres que e en Educación Infantil dóuselle un agasallo para toda a clase.

Para rematar o festival houbo unha festa de espuma. En representación do goberno municipal asistiron a este festival o alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. Ademais, por parte do grupo municipal socialista asistiu Francisco Doval.