- Tematica
Os Concello de Ames e Brión están desenvolvendo o obradoiro dual de emprego ForestAmes-Brión no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e un equipo de 5 persoas que forman o persoal administrativo e docente. Este obradoiro comezou o pasado 28 de decembro de 2020 e realizarase ata o 27 de setembro de 2021. Durante 9 meses os traballadores/as reciben formación específica sobre o certificado de profesionalidade oficial de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, que conta con 410 horas de duración. Durante a xornada de hoxe participaron nunha demostración de seguridade e manexo de motoserra, impartida polo especialista, Carlos Grandío.
Dentro das actividades do obradoiro de emprego ForestAmes-Brión impartiuse na xornada de hoxe unha demostración sobre seguridade e manexo da motoserra, que foi impartida por Jardimaq Equipamentos SL e Internaco (Husqvarna). Este obradoiro está sufragado pola Consellería de Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión.
Esta actividade complementa os contidos formativos propios do certificado oficial de profesionalidade "Repoboacións e tratamentos silvícolas". Os alumnos traballadores reciben formación teórico práctica sobre repoboación, selvicultura, manexo de tractores e aplicación de produtos fitosanitarios e empregan maquinaria e equipos como como motodesbrozadoras, biotrituradora, tractores forestais con distintos apeiros e equipos de aplicación de fitosanitarios.
A concelleira de Promoción Económica e emprego, Ana Belén Paz, explica que “malia que neste certificado non está incluído o módulo de manexo de motoserra, o obradoiro completou a formación do alumnado con contidos de manexo seguro desta máquina tan importante no eido forestal”.
Demostración do especialista Calos Grandío
Para completar a formación impartida polos/as docentes, organizouse esta xornada demostrativa que contou coa participación dun gran especialista no manexo da motoserra como é Carlos Grandío. O técnico de Husqvarna foi profesional motoserrista e desde hai máis de 30 anos realiza demostracións por todas España, destacando mesmo en feiras e torneos forestais.
A demostración incluíu aspectos de seguridade activa e pasiva no uso da motoserra: equipos de protección individual, técnicas seguras de apeo de árbores de distintos diámetros, técnicas de desramado e tronzado seguro, e protocolos en casos de apeo difícil: árbores inclinados, secos, torcidos, etc.
O equipo directivo e docente do obradoiro de emprego, promovido polos Concellos de Ames e Brión, está facendo un esforzo para achegar formación complementaria e novas técnicas que lles permita ao alumnado unha mellor formación para a súa posterior inserción no mercado laboral.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Formación en seguridade e manexo de motoserras no obradoiro de emprego"