- Tematica
"AMES AV LAB" a piques de rematar a fase de captación de proxectos está realizando dúas reunións informativas en centros educativos esta semana: o martes na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e mércores no Centro de Formación Profesional CIFP Imaxe e Son en A Coruña. En ambos os centros, realizaranse presentacións a estudantes de último ano de formación e de master, co propósito de brindarlles a oportunidade de materializar a súa idea de proxecto ou o proxecto que teñan en marcha. Premendo nesta ligazón podes descargar as bases do AMES AV LAB.
Ademais destas dúas reunións informativas nos centros educativos a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, vén de reunirse no Espazo A Proa cos usuarios interesados en participar nesta primeira fase de captación. Esta sesión tivo como obxectivo principal proporcionar unha descrición detallada sobre a natureza e alcance do Laboratorio "AMES AV LAB", presentando o manual do participante, as súas actividades, programa formativo e docentes especializados. A concelleira foi acompañada por María Lloves (técnica municipal) e Ramón Tubío, director de Craftium.
"AMES AV LAB" representa un fito sector audiovisual de Ames. Este laboratorio, cofinanciado pola Deputación da Coruña, marca un avance significativo no desenvolvemento e a promoción do sector audiovisual local. O laboratorio impulsará a produción audiovisual, fomentará o talento emerxente local e posicionará o sector audiovisual amesán como referente a nivel galego e nacional.
Dirixido a creadores con proxectos en diversas etapas de desenvolvemento, "AMES AV LAB" ofrece un respaldo integral para materializar ideas desde a súa concepción ata a súa realización. Esta iniciativa eríxese como un apoio fundamental para a comunidade creativa, proporcionando recursos e asistencia experta para levar a cabo proxectos audiovisuais de calidade e relevancia.
O programa, cuxas inscricións permanecen abertas desde hai 15 días, foi amplamente valorado no sector, xerando un notable interese entre profesionais do ámbito audiovisual de diversos perfís e proxectos. Impulsados por esta resposta positiva e o alto nivel de consultas recibido, o equipo de "AMES AV LAB" decidiu organizar unha serie de presentacións co fin de ofrecer unha información máis completa sobre o programa.
Inscrición e proceso de selección
Os interesados en participar en "AMES AV LAB" deben completar o formulario de inscrición dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames ata o 12 de abril. O proceso de selección constará de dúas etapas: preselección de 30 proxectos presentados e selección, tras entrevistas personalizadas, de 15 proxectos para participar na academia de "AMES AV LAB".
Durante oito meses, os proxectos seleccionados terán acceso a un programa formativo adaptado ás súas necesidades, así como a servizos de titorización, mentorización, asesoramento especializado e financiamento.
Para máis información:
• Persoa de contacto: María Lloves Castro
• Web: www.amesavlab.gal
• Mail: info@amesavlab.gal
• Tlf de contacto: 608459678
• Bases do programa.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames abrirá al talento joven su nuevo laboratorio audiovisual: el plazo acaba el viernes"