Pestanas principais

O Ames Jazz 2021 celebrarase na noite do venres 2 de xullo

Martes, 22 de xuño de 2021

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación de Ames Jazz 2021. Asistiron Natividade González, concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación; Xacobe Martínez, director artístico, Xan Campos, músico, e Inés Portela, produtora. O festival de Jazz celebrarase na noite do próximo venres 2 de xullo no Pazo da Peregrina ás 22.30 horas. As 200 persoas que asistan poderán desfrutar dos concertos de Xan Campos co espectáculo "Realismo" e David Regueiro Trío, con "Areal". Para asistir, débese retirar os convites de balde a través da billeteira do Concello.

Natividade González, concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación comezaba a súa intervención agradecendo aos asistentes a súa participación, declarando que: “Este evento, que cumpre a cuarta edición, é un dos que se consolida cada ano. Estou tremendamente orgullosa de que, un ano máis, celebraremos un concerto de Jazz independemente da pandemia. O mesmo fixemos o ano pasado e foi marabilloso coa asistencia dun público marabilloso. Dende aquí, convido a todos e todas a asistir o 2 de xullo”.

Posteriormente Xacobe Martínez, director artístico, quixo destacar que: “Como veciño de Ames, é un orgullo pertencer a un Concello con esta sensibilidade e valentía porque son catro anos xa e sabemos que o Jazz, sempre hai que xustificalo de por que programalo. Nós sempre queremos ter unha liña, na programación do Ames Jazz que, primeiro e antes de nada, sexan propostas galegas e actuais. Buscamos sempre o maior grao de excelencia que se poida. Tamén pretendemos apoiar ao tecido creativo e traer propostas que teñan discos de actualidade recén sacados”.

Recordou, ademais, que: “Este ano estou especialmente contento por ter a Xan Campos, quen para mi, é un dos músicos referentes do Jazz galego e un dos meus pianistas preferidos. Antes deles, actuarán  David Regueiro Trío que vén da tradición do Gypsy Jazz, do Jazz europeo, e que ven tocando o seu disco “Areal” que son composicións orixinais”.

Pola súa banda, Xan Campos, quen actuará no Ames Jazz, adiantou que “Parece que non é tan fácil darlle para adiante a este tipo de eventos así que penso que é un regalo para a veciñanza que se aposte forte por isto e que, a pesar das dificultades, que se leve a cabo. É unha sorte para o Concello ter músicos tan profesionais”.

Xan Campos recordou que ía tocar a música do seu último disco “Realismo” quen, xunto co seu trío, levan traballando máis de 15 anos. Lanzámolo o pasado marzo, co cal todo foi raro, pero iso fai que agora teñamos máis ganas de poder ofrecerlle a música a xente e presentalo”.

E xa por último Inés Portela, produtora, quixo agradecer ao Concello e aos músicos por traballar polo Ames Jazz e pretende que “dure moitos anos máis”.

4 anos escoitando Jazz en Ames
Esta iniciativa vense desenvolvendo no Concello de Ames dende o ano 2018, cando se inaugurou con grupos locais os grupos locais, Sumrrá e Pablo Castaño Quartet. No ano 2019 actuaron Mónica de Nut e Virxilio da Silva, por unha banda, e Xacobe Martínez Antelo Trío por outra. Na última edición, no 2020, citouse a Manuel Gutiérrez e ao grupo Os Bregadiers.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames Jazz 2021 celebrarase no Pazo da Peregrina o 2 de xullo"

Presentación Ames Jazz

Multimedia

  • Presentación Ames Jazz
  • Presentación Ames Jazz