- Tematica
O amesá Gabriel Martínez será premiado o próximo venres, 20 de decembro, pola Federación Galega de Piragüismo nunha gala de entrega de premios que terá lugar no salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra ás 18.30 horas, con entrada libre ata completar aforo. Gabriel recollerá o galardón a Mellor Deportista Masculino Xuvenil, outorgado pola Xunta Directiva da Federación Galega de Piragüismo.
Este premio chega despois de que no pasado mes de agosto o padexeiro de Ames conseguira a medalla de bronce en K-1 200m. Júnior no Campionato do Mundo Sprint Júnior 2019 que se celebrou do 1 ao 4 de agosto na localidade de Pitesti (Romanía). Nunha proba na que o final foi moi axustado, Gabriel quedou a tan só 0.072 milésimas da medalla de ouro. O padexeiro realizara unha saída bastante rápida, para despois aguantar nos metros finais e conseguir desta maneira unha merecida medalla de bronce. En primeiro lugar quedara o británico Daniel Atkins cun tempo de 0:36.835, e segundo o alemán Tom Maassen a 0.062 do primeiro posto.
Converteuse así no segundo padexeiro do Club Ribeiras do Tambre, despois de Ana Varela, en conseguir unha medalla nun campionato do mundo. Ela gañou no ano 2001 en Brasil a medalla de prata K-4 no Campionato do Mundo Júnior.
Por primeira vez, a xente do piragüismo puido colaborar na elección dos mellores deportistas do ano, realizando unha enquisa que axudou á Xunta Directiva da Federación galega de Piragüismo na adxudicación das distincións. Ademais, cómpre recalcar que esta temporada 2019 será recordada como unha das mellores da historia para este deporte, con máis de 70 internacionais e un alto número de medallas.